Estás aquí: Inicio » En Marea reforza o seu compromiso para garantir o dereito a unha vivenda digna de toda á cidadanía na primeira xornada sobre vivenda en Compostela
Flora Miranda, esquerda, Mario J. Yoldi, Alba Nogueira e Teresa Táboas
O hotel Santiago Apóstol de Compostela acolleu ao longo do día de onte sábado a primeira xornada sobre vivenda: “A vivenda, máis aló do mercado. Un dereito efectivo”, na que expertas de todo o país de distintos eidos como Teresa Táboas, Jorge Duarte, Rubén Lois, Alba Nogueira, Mario José Yoldi ou Ángela Conde, entre outras, afondaron nas problemáticas galegas de vivenda, e plantexaron alternativas, algunhas xa en marcha, para garantir o dereito a unha vivenda digna de toda a cidadanía.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, destacou, durante a inauguración da xornada, o aumento dos prezos de aluguer rexistrados nos últimos anos superior ao 16% e dos desafiuzamentos por non poder pagar o aluguer, mentres que no resto do Estado produciuse un descenso. “A nosa mocidade non pode emanciparse do fogar dos seus pais e nais ata que teñen unha media de 31 anos, e a maternidade retrásase tamén ata pasada esta idade. A precariedade, a diferenza salarial entre homes e mulleres, e a imposibilidade de conciliación son algúns dos problemas aos que se enfronta a día de hoxe a nosa cidadanía”, incidiu Villares.
Ademáis, engadiu, “o goberno de Núñez Feijóo dedicouse a acabar co dereito a unha vivenda digna desde que chegou. Agora mesmo incluso temos unhas contías raquíticas e insuficientes nos orzamentos en materia de vivenda” afirmou o voceiro de En Marea que denunciou de xeito especial a insuficiente contía destinada ao financiamento de aluguer para mulleres vítimas de violencia de xénero que cualificou de “ridículas e insuficientes”.
Pola súa banda, a deputada Paula Vázquez Verao, apelou a non deixar as políticas de vivenda en mans do mercado. E explicou que desde En Marea estase a reivindicar unha verdadeira política de vivenda na Xunta, “a favor das maiorías que sofren a elevación dos alugueiros, pobreza enerxética e falta de capacidade de emancipación”.
Unha xornada moi produtiva na que todas as relatoras e asistentes concordaron no feito de que as políticas de vivenda deben encamiñarse a solucionar os problemas das persoas, e polo tanto “non podemos falar de políticas de vivenda, temos que falar de políticas sociais de vivenda”, defendeu Mario José Yoldi, director de planificación e procesos operativos de vivenda do goberno de Euskadi, unha comunidade onde “as persoas son o primeiro á hora de facer políticas” e un exemplo a seguir en política social de vivenda.
A ex conselleira Teresa Táboas, con certa nostalxia, lamentou que no seu paso polo goberno galego os seus ambiciosos plans e proxectos, que daban solucións aos problemas reais de vivenda do noso país, recibiran moitas criíticas desde todos os eidos e “remataran nun caixón esquecidos”. A base do problema das políticas de vivenda é que non se fan pensando na xente. “O territorio é o campo de batalla onde temos que combater aos especuladores e ás políticas neoliberais. As cuestións de ordenación do territorio e o planeamento urbanístico foron empregadas interesadamente polos mercados”, concluiu.
Ao longo da xornada, políticos do eido municipal, arquitectas, profesoras de universidade, traballadoras sociais… afondaron en asuntos como a vivenda local, vivenda e demografía, a vivenda no S.XXI, os usos turísticos ou a vivenda e xénero… Algunhas das conclusións as que chegaron, tralo debate co público asistente foron: o desenvolvemento das políticas de vivenda deben poñer no centro ás persoas, é preciso aunmentar o parque público de vivenda alí onde sexa preciso ou buscar alternativas ao abandono do rural. Tamén, incidir no aspecto social favorecendo o acceso á vivenda, xa sexa en alugueiro ou en propiedade, ás persoas en exclusión social, familias en risco de pobreza, mulleres maltratadas e ás que sofren o machismo desta sociedade patriarcal, mocidade e aos máis maiores. E, principalmente, poñer ás persoas no centro.
Luís Villares tamén foi o encargado de clausurar esta exitosa primeira xornada que “reforza o compromiso de En Mareas para seguir loitando e garantir un dereito básico como é o dereito a unha vivenda digna”.
Luís Villares na clausura da xornada