Estás aquí: Inicio » En Marea recolle as reivindicacións por unhas oposicións de educación xustas
Dende En Marea reclamamos á Consellería de Educación, que non exclúan do proceso de oposicións educativas ás dúas mil persoas que obterán os títulos requiridos nas próximas semanas abrindo as inscricións para as mesmas cun ano de antelación.
Tras reunírense con representantes do colectivo Opos xustas, a covoceira da organización, María Chao, manifestou que “en En Marea non entendemos que se fagan as inscricións a un ano vista da data dos exames”. Consideramos xustas as reclamacións do estudantado que non pide que se anule esta convocatoria, senón que se xunten as de 2020 e 2021, para garantir a igualdade de oportunidades e que ninguén quede atrás.
Neste senso, a integrante do Consello das Mareas, Peque González, engadía que ademais das máis de mil xubilacións que se agardan para este curso, precisarase reforzar o ensino público de cara a esta nova situación excepcional na que ademais se prevé reducir a ratio de alumnado por aula para garantir a seguridade e protexer a saúde pública mentres desde Opos xustas aseguraban que non é algo imposible pois foi o que se fixo en comunidades como Castela e León ou Cantabria.
Recolleremos as súas propostas e reclamaremos á Xunta que adíe a apertura do prazo de inscrición iniciado para posteriormente xuntar as prazas de 2020 e as que corresponderían ao 2021 nunha soa. Así mesmo, segundo asegurou María Chao, seguiremos apostando por un ensino público sen privatización nin concertos así como mantendo xuntanzas con diferentes colectivos do ámbito da educación e movementos de renovación pedagóxica de cara a buscar alternativas de solución para o vindeiro curso e para o futuro da educación.