Estás aquí: Inicio » En Marea reclama un Mapa de Solos de Galicia que sirva de instrumento para o futuro do chan agropecuario
En Marea insta á Xunta a poñer en marcha canto antes a elaboración dun Mapa de Solos de Galicia que incluía un Catálogo de Chan de Alta Produtividade Agropecuaria. Un instrumento necesario para garantir o futuro do rural galego, frear o seu abandono e favorecer a produtividade agraria. A proposta xa ten sido obxecto dunha iniciativa parlamentaria, e o grupo de En Marea tentará sacala adiante dende a Cámara.
En Marea chama a atención sobre a necesidade dunha actuación decidida que mellore as condicións de vida no rural, incentive a produtividade ligada aos recursos agropecuarios e permita poñer couto, en definitiva, ao abandono destas zonas. Por ese motivo, o vicevoceiro da formación propón a elaboración dun mapa que serviría como “instrumento de ordenación e para conservación dos solos de alta produtividade”. “A súa ausencia explica o desleixo absoluto do Partido Popular na ordenación do territorio e na conservación do solo agrario, e a súa aposta por un modelo expoliador e de depredación”, afirma Antón Sánchez.
A realidade galega e as tendencias demográficas falan dunha Galicia “invadida pola reforestación de especies de crecemento rápido, que non deixa de perder superficie agraria”. Nos últimos anos a superficie agraria útil ten ido menguando a un ritmo moi alto. E o territorio galego cada vez se amosa máis dependente da importación de alimentos, tanto para a elaboración de pensos para animais como para o consumo humano. “Importamos millóns e millóns de euros en produtos que deberan e poderían ser producidos neste país, mentres se están abandonando as mellores terras”, indica o vicevoceiro de En Marea; que aposta por facilitar a ampliación da base territorial das explotacións galegas, “que teñen que camiñar cara un modelo máis sostible e menos dependente dos insumos”.
O deseño do reclamado Mapa de Solos de Galicia preséntase como un instrumento útil para favorecer a soberanía alimentar, frear a desertización e garantir o futuro do sector agrario poñendo á súa disposición os chans de maior produtividade. Unha aposta que se contrapón á dun Partido Popular máis interesado na aposta por un “modelo depredador”. “Hai exemplos moi perigosos do que pode acontecer coa aposta do PP, como é a modificación puntual que o goberno popular de Curtis tenta efectuar do seu PXOM para eliminar todo o solo rústico de especial proteción agropecuaria”. Unha operación que busca potenciar a reforestación de terras agrarias para fornecer á planta de biomasa que se pretende instalar nun concello con 150 explotacións gandeiras en activo.
A elaboración deste Mapa de Solos permitiría tamén rematar coa lagoa normativa, que actualmente deixa en mans da boa vontade dos Concellos a conservación deste tipo de chans. ” A Lei do Solo de Galicia define Solo rústico de Especial Protección Agropecuaria como aquel pertencente a unha concentración parcelaria con resolución firme, ou aquel incluído nun Catálogo de Solos de alta produtividade agropecuaria”, explica o voceiro de En Marea. Sen embargo, o nomeado catalogo non existe a día de hoxe. “Polo tanto, hai unha lagoa que podería levar á incoación de Plans Xerais de Ordenación Municipal nos que non se protexa especialmente este tipo de solos se os Concellos non teñen unha especial sensibilidade”, explica Antón Sánchez.