Estás aquí: Inicio » En Marea reclama un maior esforzo orzamentario que garanta a cobertura de servizos sociais en toda a provincia de Lugo
En Marea reclama un maior esforzo orzamentario que garanta a prestación de servizos sociosanitarios públicos e de calidade no conxunto da provincia de Lugo; así como unha mellora das infraestruturas e da conectividade, con especial atención ás zonas de montaña. A deputada Paula Vázquez Verao anima á Xunta de Galicia e á Deputación a realizar unha aposta decidida pola cooperación coas entidades locais, especialmente cos concellos máis pequenos, que se traduza de xeito claro nos orzamentos do goberno provincial para o vindeiro ano.
Para En Marea resulta fundamental que o reparto orzamentario para Lugo, igual que como para as demais provincias, garanta ao máximo a autonomía local e garanta un reparto equitativo dos fondos, prestando especial atención aos servizos sociais e a promoción do emprego. Así o destacou a deputada Paula Vázquez Verao logo de que o presidente da Deputación de Lugo comparecese no Parlamento de Galicia para falar dos orzamentos para 2019. Unhas contas que, para En Marea, deben servir para dar un pulo decidido aos servizos sociais na provincia, “apostando porque a Xunta asuma as súas competencias e cooperando entre administracións”.
Un dos retos principais é resolver a apertura de novas residencias para maiores. E é que “a realidade é que a rateo de prazas públicas na provincia é insuficiente”, tal e como indica Vázquez Verao; que insta ao goberno autonómico e ao provincial a realizar unha aposta seria pola cooperación que revirta nunha mellor cobertura das necesidades sociosanitarias dos e das lucenses.
“A solución é que a Xunta invista máis en prazas públicas e que coopere coa Deputación e cos concellos para que Lugo poida contar con recursos de proximidade, e rematar así co problema de que as prazas de emerxencia social teñan que ir a lugares afatados do seu entorno, así como coas longas listas de agarda”, indica a deputada de En Marea.
Paula Vázquez Verao olla cara ao sur da provincia para destacar a situación especialmente sensible de municipios como Folgoso do Courel ou O Saviñao, que continúan sen contar con residencia nin centro de día para os seus maiores. Ademais, a deputada denuncia a gran privatización que sufren os servizos sociais na zona da Mariña.
Mellorar infraestruturas e evitar o despoboamento
Para en Marea resulta fundamental que as administracións aposten por potenciar as zonas de montaña da provincia, incrementando o esforzo orzamentario para mellorar infraestruturas e garantir recursos sociosanitarios axeitados que eviten o despoboamento no Courel ou Navia de Suarna. Ademais, aposta por potenciar a recuperación do patrimonio material e inmaterial da zona e por recuperar oficios tradicionais, “evitando así unha focalización no turismo barato”.
“A Deputación pode ter un papel máis activo na recuperación de memoria horal e de tradicións festivas, igual que o ten na artesanía”, indica Vázquez Verao.
Visión comarcal e refuxios de animais
En Marea aposta tamén por potenciar programas de cultura e deporte “asentados no asociacionismo, respectando a autonomía das asociacións, dándolles participación e con bases de subvencións claras e equitativas. Ademais, reclama que se impulse a creación de orzamentos participativos. E pide un maior apoio a plans económicos integrais que incrementen a cooperación entre municipios e fomenten a visión comarcal.
A formación aposta por aplicar esa mesma visión comarcal á xestión dos refuxios de animais. “Hai que apostar por modelos de proximidade, con bo trato, e que poidan optar a ser xestionados por asociacións. É unha demanda das asociacións animalistas da provincia, que asumimos. Así, o refuxio de Monforte debe ser só para o sur, e dotar Sarria dun refuxio axeitado, superando os problemas para a veciñanza que supón a intalación ilegal do Lázaro”.
Paula Vázquez Verao tamén reclama unha revisión da titularidade da rede de estradas realizada dende unha óptica racional. E e que, tal e como indica a deputada, “segue habendo viais nos que a titularidade cambia por tramos”.