Estás aquí: Inicio » En Marea reclama que se exclúa de Conxemar a unha empresa vinculada co expolio dos recursos naturais do Sáhara Occidental
En Marea denuncia a participación na Feira de Produtos Conxelados de Vigo Conxemar de Atlas Pelagic; unha firma marroquí directamente vinculada co expolio dos recursos naturais do Sáhara Occidental que, por ese motivo, a formación solicita sexa excluída do evento.
En Marea amosa o seu absoluto rexeitamento á inclusión de Atlas Pelagic no listado de empresas que participarán na edición de Conxemar deste ano. A formación ten remitido un escrito á organización da feira para solicitarlle que non permita a participación dunha empresa con sede en Dajla; cuxa presenza supón “unha violación das sentencias do Tribunal de Xustiza Europeo, que ten expresado a consideración de que o Sáhara Occidental non é un territorio suxeito á soberanía de Marrocos”.
En Marea entende que permitir a instalación dun stand de Atlas Pelagic na feira de produtos conxelados viguesa supón “un ataque aos lexítimos dereitos do pobo saharaui, a violación da legalidade internacional e un enorme deterioro para o prestixio da Feira de Vigo”, polo que apela á responsabilidade da organización para que faga súas esta reivindicación.