Estás aquí: Inicio » En Marea reclama que a concesionaria poña os medios para rematar co conflicto da roupa sucia na sanidade
En Marea reclama que a empresa concesionaria do servizo de recollida de roupa sucia do Hospital Álvaro Cunqueiro poña os medios necesarios para rematar coa sobrecarga de traballo que o persoal auxiliar de enfermería dese centro está sufrindo. A deputada Eva Solla reuniuse coa Comisión do Centro para abordar unha problemática que atenta contra os dereitos das traballadoras e traballadores. E denuncia as ameazas ás que a xerencia do hospital está a someter á plantilla como medida coercitiva para tentar forzarlos a rematar coas mobilizacións iniciadas.
Como xa ten feito, En Marea trasladará iniciativas ao Pleno e á Comisión do Parlamento de Galicia para tentar solucionar este “novo atropelo, froito da privatización que a Xunta de Galicia cometeu con este hospital”. Así o explicou Eva Solla despois de abordar con representantes dos sindicatos no hospital vigués a situación.
A deputada insiste en que non poden ser os traballadores, “nin da sanidade pública nin da empresa privada”, os que paguen as consecuencias desta problemática. “Ten que ser a concesionaria a que poña os servizos precisos. Isto é un roubo máis á cidadanía, ter profesionais sanitarios facendo un traballo que debería facer a empresa privada”, denuncia Solla.
A deputada de En Marea tamén denuncia o ataque contra os dereitos dos traballadores que supoñen as ameazas e expedientes que a xerencia do hospital xa ten aberto contra alguns traballadores. “Xa hai varios, e durante a xuntanza que mantivemos chegaron ameazas para pedirlles, de maneira totalmente ameazante e coercitiva, que abandoasen o hall do centro, tratándoos como ocupas no seu propio centro de traballo cando están defendendo os seus dereitos”, explica Solla.