Estás aquí: Inicio » En Marea reclama no Parlamento a necesidade de mellorar a atención sociosanitaria nos Ancares
Reclama unha dotación maior de persoal no centro de saúde de Navia de Suarna para que poida atender a todas as poboacións da contorna
En Marea pregunta polo centro de saúde de Navia de Suarna e a consellería contesta pola parroquia viguesa de Navia
Santiago, 23 de setembro de 2018.- En Marea considera deficitaria a atención sociosanitaria que se presta na serra dos Ancares e por iso presenta no Parlamento de Galicia varias iniciativas encamiñadas a solventar as carencias de atención xa coñecidas na serra dos Ancares e a recoñecer de maneira ampla as necesidades de toda a poboación da montaña. As dúas medidas principais que pide En Marea son as da dotación de persoal e material sanitario para que o centro de saúde de Navia de Suarna poida atender a toda a poboación da contorna e que a Xunta asuma a realización dun estudo de necesidades sociosanitarias para Os Ancares que detecte, para despois corrixir, as carencias de atención de toda a contorna. Paula Vázquez Verao, deputada por Lugo, defendera estas iniciativas e a PNL sobre o estudo das necesidades da atención sociosanitaria na montaña.
Á vista desta circunstancia, En Marea pide un estudo de toda a atención sociosanitaria na zona, tendo en conta os criterios de distancia, envellecemento da poboación, situacións nas que pode estar afectada como as gripes ou as vagas de calor.
Ademais das deficiencias da atención sociosanitaria, o centro de saúde de Navia de Suarna ten carencias de material que impide que o persoal poida prestar a atención con eficacia, carencia de material tan básico como os pés de goteiros. Neste sentido, En Marea pide que se provea do material necesario para a atención sanitaria.
A Xunta confunde Navia de Suarna coa parroquia viguesa de Navia
En Marea fixo no seu día preguntas sobre a dotación do centro de Navia de Suarna e as dificultades dos seus traballadores para atender correctamente á poboación diante da falta de material e a escasez de persoal neste centro. Pero a Consellería de Sanidade contestou ás preguntas de En Marea con datos do centro de saúde da parroquia viguesa de Navia, en lugar dos correspondentes ao situado na localidade de Navia de Suarna.
Desde En Marea instase á Xunta a atender as necesidades sociosanitarias das zonas de Montaña, ademais de comprobar no mapa de Galicia onde está situado o Navia de Suarna, para que esta confusión non represente un exemplo da ignorancia e o abandono que o goberno galego ten coas áreas de Montaña.