Estás aquí: Inicio » En Marea reclama á Xunta de Galicia un plan de saúde mental con medidas para a prevención do suicidio
Flora Miranda Pena
Flora Miranda pide que se conte coa participación dos diferentes colectivos sanitarios, se evite a sobremedicación e se reforce a atención psicoterapéutica
O grupo de En Marea ven de rexistrar no Parlamento de Galicia diversas iniciativas en materia de Saúde mental. Estas dúas iniciativas como explicou a deputada no Parlamento, Flora Miranda, están relacionadas coa participación no SERGAS tanto da cidadanía como dos grupos profesionais aportando ideas para mellorar a calidade asistencial do noso sistema sanitario público galego,e concretamente sobre a necesidade de abordar dun modo digno a saúde mental dos galegos e das galegas.
Unha das iniciativas rexistradas cuestiona por unha banda a validez metodolóxica dunha enquisa que se dispuxo nunha páxina web para se cuberta por pacientes. Trátase dunha enquisa como denunciou a deputada Flora Miranda “tendenciosa, sesgada e que induce a respostas para a propia autocompracencia do SERGAS”. Así mesmo, considera que os grupos de traballo non son representativos dos colectivos profesionais porque non foron escollidos polos propios traballadores e traballadoras senón sinalados polo propio SERGAS. “Están ausentes as médicas precarias, as profesionais dimisionarias de Vigo e incorporáronse tarde os profesionais dos PACs porque non contaban con eles” engadiu.
Por outra banda, En Marea rexistrou outra iniciativa para esixir a imprescindible dotación de recursos e un plan de saúde mental digno que aborde os casos de suicidio, que evite situacións como a de contención mecánica que hai pouco tivo lugar no CHUAC, que evite o ingreso de pacientes con agudizacións psiquiátricas en centros sociosanitarios, ou que evite a violencia institucional, sobremedicación, ou que dote de recursos psicoterapéuticos a aquelas persoas que os precisan.
“Queremos que se evite a demagoxia e as falsas promesas coa saúde mental, que se aborde a vulnerabilidade de pacientes e familias e se manexen dunha vez as necesidades dos galegos e galegas en saúde mental” concluíu Flora Miranda.