Estás aquí: Inicio » En Marea reclama a urxente posta en marcha da convocatoria de prazas para técnicos auxiliares de enfermería
En Marea denuncia o déficit de técnicos en coidados auxiliares de enfermería que padecen os centros hospitalarios galegos, e insta á Xunta de Galicia a convocar coa máxima urxencia o proceso selectivo para incorporar novos profesionais desta categoria ao Servizo Galego de Saúde. A deputada Eva Solla non entende que, ante a evidente carencia e cos problemas que día tras día se rexistran nos hospitais da Comunidade, o goberno non tome cartas no asunto e opte por coller vacacións, desentendéndose da problemática e deixando aos usuarios do SERGAS sen solucións.
“Os técnicos en coidados auxiliares de enfermería son profesonais imprescindibles dentro do sistema sanitario público, e en moitas ocasións xa temos denunciado a necesidade de incremento de profesionais nas unidades de hospitalización e de urxencias”. Explícao Eva Solla, que lembra que se trata dunha problemática extensible tamén aos hospitais comarcais e a outros centros do SERGAS “que en moitos casos carecen tamén de persoal suficiente”.
Dende que o PP está no goberno autonómico, soamente foron convocadas 60 prazas para esta categoría, no exercicio de 2014-2015. Unha cifra insuficiente, que a Xunta de Galicia non compensa tampouco na nova oferta pública de emprego anunciada o ano pasado. Unha convocatoria que non cubre as necesidades no que a técnicos auxiliares de enfermería se refire; e que, para máis inri, se atopa paralizada.
Mentres que hai algunhas categorías para as que xa se abriu a inscrición, “dende que se publicou o decreto de convocatoria da nova oposición non temos noticia” do que pasará coas prazas destes auxiliares, indica Solla, que denuncia as “vacacións” e a deixadez de funcións da administración galega a este respecto. “Non comprendemos como tratándose de profesionais fundamentais, e ante as carencias de persoal que padecen moitos centros sanitarios de Galicia, a Xunta opta por deixar de lado as súas responsabilidades en lugar de aproveitar o verán para dar un acelerón a ese proceso selectivo”, destaca a deputada.
Eva Solla lembra que durante os últimos anos o número de profesionais sanitarios desta categoría vinculados ao SERGAS, xa insuficiente, foi menguando ao aplicarse as taxas de reposición. Así as cousas, e ante a inacción da administración autonómica e o evidente desinterese do executivo do Partido Popular por aportar solucións e mellorar a calidade asistencial, a deputada de En Marea abordará a situación no Parlamento de Galicia.
“Hai carencia de profesionais, e non sendo as prazas convocadas a totalidade das que nos gustaría, reclamamos que se saquen xa e se inicie coa maior brevidade posible o procedemento, coa convocatoria do correspondente proceso selectivo”, destaca Solla.