Estás aquí: Inicio » En Marea reclama a creación dunha base do 061 anexa ao novo centro de saúde da Estrada
En Marea reclama a creación dunha base do 061 anexa ao novo centro de saúde que está a construírse na Estrada. A formación levará ao Parlamento de Galicia unha demanda que xa foi abordada no pleno da localidade por Móvete, e que parte dos propios profesionais sanitarios, tanto do 061 como do PAC. A deputada Eva Solla visitou este venres o municipio para coñecer de primeira man as súas necesidades en materia sanitaria, e apelou ao sentido común e á responsabilidade da Xunta de Galicia, que entende debe aproveitar as obras en marcha para dotar ao concello dunhas infraestruturas sanitarias realmente funcionais, que garantan o mellor servizo e cubran de xeito efectivo as carencias actuais.
O feito de contar cunha base anexa ao centro de saúde suporía unha redución nos tempos de intervención dos equipos de urxencias de ata 15 minutos. Unha merma fundamental que en determinados casos pode supoñer a diferenza entre a vida e a morte. “Se ben a Xunta de Galicia se está negando a negociar melloras relacionadas co persoal sanitario, entendemos que hai demandas doadas e efectivas coma esta”, indica Eva Solla, que destaca que se trata “dunha cuestión de sentido común, que solventaría un problema fundamental, axilizaría a atención e sería moi doada de tomar agora que as obras do novo centro de saúde están en marcha”.
Para En Marea, igual que para Móvete, resulta fundamental e de sentido común aproveitar as obras que comezaron hai algúns meses para mellorar realmente a calidade asistencial que recibe a veciñanza da Estrada. “Entendemos que, unha vez que se gastan case 4 millóns de euros na construción do novo edificio, este debe resultar completamente funcional e ir equipado con todos os servizos necesarios para contribuír a salvar vidas”, destaca a voceira da formación local, Mar Blanco.
Actualmente o 061 da localidade ten a súa base nun piso, e a ambulancia permanece aparcada na rúa. Unha situación anómala que en ocasións pode supoñer retrasos á hora de poñela en marcha e saír cara a unha urxencia. E que, ademais, somete ao vehículo, e en consecuencia aos equipos sanitarios e aos pacientes aos que atende, a temperaturas extremas. Ademais, o aparcadoiro na vía pública tampouco permite realizar a limpeza da ambulancia nas condicións axeitadas, e complica poder garantir a axeitada desinfección da mesma.