Estás aquí: Inicio » En Marea propugna un cambio de criterio no sistema de financiamento local para que os concellos poidan asumir todos os servizos que prestan
A supresión das deputacións e a posta en marcha da Lei autonómica das facendas locais son dúas das medidas para reverter a situación de infrafinanciamento das administración locais
Santiago, 23 de febreiro de 2019.- A Xornada de Financiamento Local organizada por En Marea analizou a situación na que se encontran as administracións locais desde o punto de vista económico e as diferenzas entre os ingresos que se xestionan e cantidade de servizos que están prestando á cidadanía. A conclusión xeral desta xornada, na que participaron economistas, concelleiros do espazo político de municipios como Mondariz, Vimianzo, Salceda ou Vilar de Santos, é que os concellos galegos están financiados por un sistema que non ten en conta os seus condicionantes e que polo tanto non poden facer fronte a todos os servizos que están prestando. En Marea considera que é necesario remudar o sisteman de financiamento local e que este será un dos seus obxectivos en todos os concellos nos que goberne. O voceiro, Luís Villares, explicou no remate do acto que as xornadas como esta “demostran a maneira de traballar de En Marea, poñemos en común as ideas, debatemos sobre elas, desenvolvémoas e logo coperamos para levalas a cabo para mellorar a vida da xente”.
Tal como explicou Villares no resumo da xornada, “Galicia recibe un 30% menos de ingresos que a media estatal e isto é así porque non se teñen en conta á hora de facer o cáculo criterios básicos no caso galego como o número de núcleos da poboación, a súa dispersión ou a idade da poboación”. Para o voceiro de En Marea, esta situación castiga aos concellos galegos e á cidadanía porque teñen que asumir a prestación duns servizos “para os que non teñen recursos”. Isto supón que os concellos non presten servizos aos que están obrigados e isto provoca “perda de oportunidades para a xente e perda de expectativas o que acaba redundando no abondono da poboación neses concellos”.
Na xornada organizada por En Marea quedou clara a necesidade de “reverter esta situación” e formuláronse tres propostas que remuden a situación de infrafinanciamento nos concellos. Segundo resumiu Villares, “hai tres medidas necesarias para poñer en marcha a reversión dunha situación tan inxusta”. A primeira delas tería un carácter estatal e sería a “modificación dos criterios polos que se adxudican os ingresos aos concellos tendo en conta os tres parámetros que en Galicia teñen carácter singular: dispersión e número de núcleos e tamén a idade media da veciñanza”.
A segunda das medidas que propón En Marea é a “supresión das deputacións proviciais porque son entidades que non achegan nada positivo ao sistema de financiamento dos concellos”. No caso autonómico, Villares explicou que habería que desenvolver todas as competencias locais e promover a creación da Lei galega de facendas locais que permita obter máis recursos”. No mesmo sentido, o voceiro de En Marea sinalou que era necesario reformar o Fondo de cooperación local para que se deixe “de caciquear coas subvencións que se dan agora a concellos amigos e que se repartan seguindo criterios de equidade”.
Luís Villares tamén sinalou que era necesario que as áreas metropolitanas galegas recibisen un tratamento diferenciado “para que poidan desenvolver todas aquelas funcións de carácter supramunicipal, desde a mobilidade á xestión das augas ou do emprego”. O voceiro apuntou que todas estas conclusións serán incorpordas ao banco de ideas e pasarán tamén a formar parte dos argumentarios e programas das vindeiras eleccións.