Estás aquí: Inicio » En Marea proporá a Mariló Candedo como senadora autonómica
A organización abre un proceso de reflexión que rematará coa escolla dunha nova dirección
O Consello das Mareas reunido este sábado acordou propor a Mariló Candedo Gunturiz como senadora por designación autonómica prevista no vindeiro pleno do Parlamento galego. A dirección escolleu a Candedo por ser a persoa que concorreu ás primarias de En Marea para as anteriores eleccións xerais que obtivo un maior respaldo das inscritas. Candedo é profesora titular de Pedagoxía Social na Facultade de Pedagoxía da Universidade da Coruña. Foi decana da Facultade de Cc. educación da UDC entre 1999 e 2004. É Adxunta para Titulacións na UDC nos últimos, responsabilidade que desenvolve na actualidade. Está vinculada co activismo educativo a prol da educación pública desde os movementos de renovación pedagóxica.
A dirección avaliou tamén os resultados electorais, que cualificou como decepcionantes, e decidiu, tal como se comprometera tras as eleccións xerais, a asumir as súas responsabilidades políticas. Isto concrétase na apertura dun proceso de reflexión colectiva a desenvolver por comarcas durante o mes de xuño, que culminará cun plenario o mes de xullo que defina a liña política e organizativa de En Marea. Finalmente, as persoas inscritas escollerán unha nova dirección, antes do mes de agosto, que desenvolva o novo rumbo da organización.