Estás aquí: Inicio » En Marea propón unha campaña de información que remate coas alarmas sobre anisakis en lonxas e outros puntos de venda
A Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia aprobou este xoves a proposta de En Marea para solicitar á Xunta de Galicia a posta en marcha dunha campaña de información que permita rematar coas alarmas existentes en relación á posible presenza de anisakis no peixe. A Cámara respaldou unha iniciativa segundo a cal solicitará que o goberno galego facilite datos veraces nas lonxas e outros puntos de venda sobre as medidas e métodos de eliminación deste parásito que están a levarse a cabo.
En Marea considera necesario aportar información clara que aporte confianza aos consumidores e disipe calquera dúbida que poida existir sobre a calidade dos produtos do mar galego. A formación ve preciso que a administración galega tome cartas no asunto para rematar coa “alarma aparentemente interesada” que está a crearse, e que a vicevoceira Carmen Santos relaciona “cun interesado deterioro da imaxe do peixe fresco salvaxe en favor do consumo de conxelado ou procedente da piscicultura industrial”.
A iniciativa de En Marea pretende rematar cunha inquedanza que está a provocar un descenso das vendas e dos prezos de determinadas especies, sobre todo da pescada. Unhas alarmas totalmente inxustificadas á vista dos datos dispoñibles, e dado que o risco de intoxicación se elimina unha vez o peixe é cociñado a máis de 60 graos.
Redución das esixencias para os botiquíns da baixura
En Marea tamén conseguiu o apoio dos grupos para sacar adiante a súa proposta relativa á redución dos trámites e esixencias relacionados cos botiquíns que debe levar a bordo da flota de baixura.
Dende que por iniciativa da UE se ordenou a instalación dun botiquín tipo C nas embarcacións de baixura, foron moitas as reclamacións, tanto do sector como da administración, para modificar este requisito e facelo máis sinxelo, accesible e menos custoso para as preto de 4000 embarcacións obrigadas a embarcalo.
En Marea ve necesario adaptar as esixencias á realidade dunha “flota xa asfixiada economicamente”. Nesa liña, Carmen Santos lembra que os requisitos actuais “non se axustan ás necesidades de seguridade para as que se supón que esta redactada a norma. Un botiquín complexo de situar na propia embarcación, polas condicións das mesma en moitos casos sen ponte, ademais da complexa utilización dalgúns dos compoñentes do mesmo”.
A formación reclama tamén máis facilidades no que respecta ás obrigatorias revisión anuais destes botiquíns, que actualmente só poden realizarse no Instituto Social da Mariña. En Marea avoga por permitir que este trámite poida efectuarse nas farmacias galegas para rematar así cos desprazamentos e facilitar o cumprimento da norma.