Estás aquí: Inicio » En Marea propón penalizar ás empresas que se deslocalicen despois de recibir unha subvención
Luís Villares, voceiro de En Marea, e Iris Malvido, candidata ao Congreso pola provincia de Pontevedra, reuníronse co comité de empresa de Bosch Vigo para analizar a situación de precariedade laboral que sofren os traballadores e as traballadoras.
“O problema da deslocalización empresarial ten que ser atendido dende un punto de vista estrutural e con reformas legais claras”, asegurou Luís Villares. A imposición dun arancel social, a penalización da deslocalización de empresas despois de recibiren unha subvención e a reforma da lei do mercado de telecomunicación son as tres medidas que o voceiro de En Marea presentou como un exemplo das propostas da formación para loitar contra a precariedade laboral e a defensa do emprego.
En Marea aposta pola creación dun arancel social para penalizar ás empresas que estean implantadas dentro da Unión Europea e decidan pechar o seu centro de traballo para continuar ofrecendo ese mesmo servizo dende fóra da Unión. “Isto ten que ser penalizado e por iso defendemos a creación dun arancel social que ten como finalidade disuadir ás empresas de que fagan esta operación”, explicou o voceiro.
A segunda medida exposta por Luís Villares para a defensa do emprego é a penalización das empresas “que despois de recibir subvencións se deslocalicen a outro país da Unión Europea ou de fóra da Unión”. Esta medida foi aprobada por Italia e acaba de ser validada polo Tribunal de xustiza da Unión Europea polo que se pode aplicar legalmente segundo explican dende En Marea. O voceiro asegurou que aquelas empresas que incorran neste feito terán que devolver integramente a subvención e aproveitou para lembrar que “no caso de Italia, ás empresas que se deslocalicen fora da Unión Europea terán que devolver a contía da subvención multiplicada por catro”.
A terceira medida que propoñen dende En Marea é unha reforma inmediata da Lei do Mercado das Telecomunicacións para obrigar ás empresas a prestar o servizo dentro do estado onte están ofertando o servizo á clientela. Esta medida presentouse, ademais, como unha garantía para a protección de datos de carácter persoal.
Pola súa banda, a candidata Iris Malvido sostivo que aquelas persoas que se incorporaron ao mercado Iaboral nos últimos 10 anos o fixeron “a un mercado laboral altamente precarizado con altas tasas de precariedade e de parcialidade”. Para Malvido, a principal causa disto é son as reformas laborais “que dende En Marea apostamos pola derrogación inmediata”.
En resposta á proposta de Pablo Casado sobre a creación das mochilas austríacas, Iris Malvido afirma que “dende En Marea dicimos que non porque son unha estafa e unha tomadura de pelo”. A candidata ao Congreso denunciou que estas medidas están dirixidas á supresión de dereitos laborais e a que “cada vez sexa máis barato despedir aos traballadarores e traballadoras, chegando a ser gratis para a empresa porque acabaremos pagando nós o noso propio despido”.
Malvido tamén puxo o foco na necesidade de visibilizar o problema do telemarketing e na necesidade de de concienciarse en que é preciso esixir a atención en galego porque ese servizo só se pode prestar dende Galicia.
Sobre os debates electorais, Luís Villares denunciou que deixan ausente a Galicia e as súas necesidades sociais. O voceiro aproveitou para lembrar que dende En Marea reclamaron participar como segunda forza en Galicia e informou de que en paralelo aos debates a formación informará das súas medidas para “esa Galicia social, solidaria e que non se resigna”.