Estás aquí: Inicio » En Marea propón axudas do 100% do valor das vivendas e enxovais afectados pola explosión de Paramos
En Marea tendefinido un paquete de medidas completo que inclúe a declaración de zona catastrófica para que os afectados poidan recuperar a súa vida anterior á explosión e que levará ao Parlamento de Galicia
Santiago, 10 de xuño de 2018.- Tras manter reunións coas veciñas e veciños víctimas e afectados da explosión da pirotecnia en Paramos, Tui, En Marea ten realizado unha batería de propostas para que as axudas dispostas para axudar á veciñanza sexan máis amplas, máis rápidas e máis axustadas aos montante real dos danos padecidos a causa da explosión. A batería de medidas consultada coa veciñanza pretende sobre todo que os afectados poidan volver á situación anterior á explosión coa máxima rapidez posible. As liñas fundamentais desta batería de axudas son a de sufragar o 100% do valor das vivendas e dos enxovais destruídos pola explosión, a posta en marcha da axuda psicolóxica ás vítimas e a declaración de zona castatrófica para a contorna de Paramos.
O voceiro de En Marea reuniuse con integrantes da plataforma de afectados para escoitar as súas necesidades e para explicar que a formación levará ao Parlamento de Galicia. Entre as propostas máis urxentes está a necesidade de asistencia psicolóxica no centro de saúde de Tui para os afectados. As vítimas consideran que esta debería ser unha das prioridades de axuda polas secuelas que poida deixar na veciñanza da contorna a traxedia padecida. En Marea pide o desenvolvemento dun plan de atención e tamén que se poña en marcha o plan de catástrofes para o Hospital Álvaro Cunqueiro, un plan previsto para ese centro pero que non foi utilizado coas vítimas de Paramos.
Indemnizacións
Luís Villares, voceiro de En Marea, considera que é necesario “ampliar as dotacións das indemnizacións porque co actual decreto de axudas as víctimas non van poder volver á vida anterior á explosión”. Por este motivo, ademais das axudas a danos persoais, para os danos en imobles En Marea propón que as coberturas a vivendas habituais e secundarias sexan do 100%, sen límite do que se referencia para as Vivendas de Protección Oficial. Neste sentido, a proposta de En Marea pide que tanto para as vivendas como para o enxoval o valor que se cosidera para axudar ás vítimas sexa o valor total do perdido, sen ter en conta as rebaixas de valor das axudas tal como están previstas no decreto da Xunta de Galicia. Villares considera “lóxica” esta aportación do 100% posto que o que queren os veciños “é recuperar a situación anterior á explosión”.
Esta mesma recuperación do 100% do perdido ten sentido para os obxectos que os afectados tiñan no interior das súas vivendas, desde o enxoval propio dos domicilios ata a roupa, os mobles e demais propiedades.
Procedementos
En Marea tamén plantexa uns procedementos administrativos máis fluídos, nos que os custos sexan por conta da Administración e que teñan prazos de reclamación de sesenta días, coa posta en marcha dunha oficina de reclamación na que se integre o gabinete técnico e o xurídico.
No mesmo plan figura a creación dunha Bolsa de empresas colaboradorasentre o Concello de Tui e a Xunta de Galicia, na que se agrupen empresas que presten axuda ás persoas afectadas pola explosión.
Zona catastrófica
Para En Marea a declaración de zona catastrófica da contorna de Paramos sería unha medida que implicaría a todas as administracións e que axudaría a unha mellor asistencia a todos a veciñanza afectada. Neste sentido, Luís Villares explicou que as axudas están “tardando en ser tramitadas e mentres tanto as vítimas teñen que defenderse por si mesmas, sen casa e sen saber aínda con claridade todo o que perderon coa explosión. As propostas de En Marea están encamiñadas a conseguir maior celeridade na tramitación das axudas e de que estas se concedan tendo como prioridade que as afectadas poidan recuperar a súa vida anterior.