Estás aquí: Inicio » En Marea priorizará a candidatura única galega e descarta unha alianza con Más País
Santiago, 29 de setembro de 2019.- En Marea centrará os seus esforzos para as vindeiras eleccións xerais en promover a candidatura galega única ampla e que represente os intereses de Galicia en clave progresista. O consello da mareas decidiu priorizar esta candidatura diante da incompatibilidade que as formacións que poderían conformar esta candidatura única teñen para formar alianzas máis alá do espazo galego e tamén pola dificultades encontradas para que Más País asumira unha auténtica axenda galega e un marco verdadeiramente confederal no funcionamento da alianza.
O consello das mareas optou por impulsar decididamente unha candidatura única de forzas progresistas galegas tal e como propuxo no seu chamamento hai unha semana, chamamento que tivo eco nas propostas realizadas por Anova e Compromiso por Galicia. Desde En Marea emprazamos ás demais forzas progresistas galegas a sumarse a esta candidatura única co obxectivo de conseguir unha axenda política propia no Congreso e, ao tempo, desenvolver unha axenda social e democrática que atenda as emerxencias que vive o noso país, climática, feminista e social.