Estás aquí: Inicio » En Marea presentarase ás vindeiras xerais cos mesmos tres eixos políticos que a impulsaron como formación
Villares adianta que se o Consello presentará mañá o calendario de primarias para os comicios
Vigo, 15 de febreiro de 2019.- “En Marea presentouse ás eleccións e apoiou a moción de censura e o goberno resultante dela baseándose en tres eixos: a rexeneración democrática para acabar coa corrupción do PP, un eixo social baseado na recuperación de dereitos sociais e laborais e a igualdade”. Así explicou Luís Villares a posición de En Marea tralo anuncio do presidente do goberno español de fixar as próximas eleccións xerais para o vindeiro 28 de abril. O voceiro de En Marea sinalou que, ademais destes tres eixos, hai outro que tampouco cambiou desde o inicio que é o eixo nacional e a dereito que temos os galegos a tomar decisións que nos afectan”.
Villares sinalou en Vigo que o panorama que se abre diante das novas eleccións sigue precisando un proxecto como o de En Marea porque os “orzamentos que propuxo Pedro Sánchez demostraron unha vez máis que Galicia precisa de quen defenda os seus intereses no Congreso”. Sinalou que o PSOE non foi capaz de entender nos orzamentos que Galicia non quere ser un país “subsidiado”, que necesita investimentos para ser o que ten capacidade de ser: “un país capaz de xerar emprego e riqueza”. O voceiro de En Marea apuntou que o goberno de Sánchez tería que ter prestado máis atención e máis capacidade de negociación coas necesidades galegas”.
No mesmo sentido, Villares apuntou que os principios de En Marea seguen sendo os mesmos en canto a ser unha “alternativa de progreso, plurar, aberta e cooperativa” e que estes principios seguen vixentes de cara ás vindeiras citas electorais”. Apuntos na súa comparecencia en Vigo, que En Marea se presentará con esta mesma intención as eleccións xerais, que o fará seguindo os mesmos eixos que puxeron en marcha esta formación.
Luís Villares adiantou que o Consello das Mareas que se celebra este sábado presentará o calendario das primarias para as vindeiras eleccións e que En Marea se presentará “como formación propia” á cita do vindeiro abril.
Villares tamén indicou que o que xoga nas vindeiras eleccións ten que ver coa España do odio que onte se deu cita en Vigo da man de Feijóo e Casado porque, segundo sinalou, “non se pode servir á Falange e a Galicia ao mesmo tempo como pretende Feijóo”. Villares apuntou que o PP está tentando ao mesmo tempo ser “unha cousa e o seu contrario” e “está pactando con xente que quere derrogar as autonomías mentres Feijóo se declara autonomista”. Sentenzou Villares que en Galicia pode haber moitas sensibilidades: “pode haber nacionalistas, independentistas, autonomistas, pero o que non hai en Galicia é abolicionistas da autonomía nin negacionistas da violencia machista”.