Estás aquí: Inicio » En Marea presenta unha proposición de Lei para a equiparación dos permisos de maternidade e paternidade ata 20 semanas
O grupo parlamentario de En Marea presentou no Parlamento de Galicia unha Proposición de Lei para a modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, co obxectivo de equiparar os permisos de maternidade e paternidade ata 20 semanas, para que estes sexan iguais, intransferibles e cen por cen remunerados.
A deputada de En Marea, Paula Quinteiro, lembrou que a conciliación da vida laboral, persoal e familiar é unha das demandas máis importantes das mulleres para poder desenvolver as nosas vidas en igualdade e avanzar no fin da discriminación no reparto das tarefas de coidados. Os datos demostran que os traballos relacionados coa maternidade e a paternidade seguen recaendo moi maioritariamente nas mulleres e, polo tanto, que as medidas tomadas até o de agora para corrixir esta desigualdade se revelaron insuficientes.
A deputada entende que “precisamos políticas públicas feministas para rematar cos roles de xénero, tal e como se esixiu na folga do 8M”. “Este só é un paso máis no camiño que temos por diante para escoitar a todas as mulleres que saíron as rúas o pasado mes” afirmou.
Por este motivo, o grupo parlamentario reclama ás administracións públicas que cumpran coa grande responsabilidade que teñen neste sentido. Así, no ámbito das súas competencias, a Xunta de Galicia debería dar exemplo con respecto ao seu persoal.
A proposta de reforma contempla ademais que a equiparación dos permisos sexa gradual, para evitar que esta proposta se rexeite por argumentos orzamentarios. O proceso de equiparación terá tres fases diferenciadas, en base ós seguintes criterios:
– Equiparación inicial das 6 semanas inmediatas e posteriores ao parto que terán carácter obrigatorio de descanso para cada persoa proxenitora.
– Proceso gradual de equiparación das vinte semanas actuais de maternidade, incrementando o permiso de paternidade destinado a outra persoa proxenitora.
-A partir do 1 de Xaneiro de 2022, en caso de nacemento a outra persoa proxenitora contará cun período de suspensión total de 20 semanas, sendo de aplicación integral a nova modificación da Lei presente neste texto.