Estás aquí: Inicio » En Marea presenta 10 medidas para garantir o futuro da industria electrointensiva e baixar o recibo da luz
Luís Villares: “O Estado debería ter preparada a posibilidade de intervención temporal de Alcoa se non atopa comprador”
Francisco Casal: “A tarifa ARENHH é imprescindible poñela en marcha de maneira inmediata”
O grupo parlamentario En Marea presentou hoxe as 10 medidas para garantir o futuro da industrial electrointensiva galega e baixar o recibo da luz a empresas e familias. Para o voceiro de En Marea, Luís Villares trátase de suplir esa situación de “estar á expectativa” que recoñece a Xunta con respecto a Alcoa e Ferroatlántica, “mentres os prezos da enerxía están asfixiando as industrias electrointensivas e supoñen unha estafa ao final de cada mes unha estafa ás familias galegas e do resto do Estado”.
“A nosa economía está perdendo posicións no ranking sectorial industrial”, sinalou Villares en referencia á caída do 14% do Indice de Produción Industrial. “Cando hai unha situación de desastre os gobernos non poden permanecer á expectativa, por iso a iniciativa que non ten o goberno esta suplíndoas En Marea con iniciativas de tipo autonómico e estatal”.
Entres as medidas propostas destacan a esixencia nos documentos de venda de Ferroatlántica a garantía de competitividade das factorías de Cee e Dumbría, incluíndo o uso de autoconsumo das súas propias centrais hidroeléctricas para asegurar un prezo de enerxía competitivo. Ademais, En Marea plantexa un plan de recuperación das concesións hidroeléctricas caducadas ou a piques de caducar nos vindeiros anos, para seren xestionados por un novo ente “Electricidade de Galicia”.
“O Estado debería ter preparada a posiblidade de intervención temporal da factoría , se no atopa comprador”, engadiu Villares referíndose a Alcoa, pois segundo lembrou esa fórmula xa se ten ensaiado por exemplo en Italia, con referendo dos tribunais da UE.
Pola súa banda, o deputado Francisco Casal destacou a supresión de 5 bloques de 40MW na vindeira poxa de interrumpibilidade, 2 deles para Alcoa A Coruña e 1 para Ferroatlántica, o que cualificou de “absoluta irresponsabilidade”. Nese seno, propuxo subastar no mes de setembro a reserva suspendida destes cinco bloques, unha vez quede clarificada a situación das dúas empresas.
Casal insistiu na creación da tarifa ARENHH (Acceso Regulado a Electricidade Nuclear e Hidráulica) e na adxudicación inmediata de 200M€ previstos para compensación dos custes indirectos por dereitos de emisión de CO2. Ademais, reclamou convocatorias extraordinarias de licenzas de parques eólicos coa obriga de subscribir contratos bilaterais a prezo taxado e longa duración con industrias electrointensivas, circuitos pechados de distribución, e comercializadoras públicas ou con participación pública.
Finalmente, En Marea propón axudas públicas para a implantanción xeralizada no rural de microcentrais hidroeléctricas sen impacto ambiental e un control público da rede de distribución eléctrica cun sistema similar ao transporte de alta tensión.
Para entender en que consiste a tarifa ARENH, deixamos aquí unha información do 16 de Maio:
Co obxectivo de buscar unha solución para o futuro de empresas electrointensivas coma Alcoa, Ferroatlántica, Celsa ou Megasa e evitar o expolio aos consumidores na factura da luz, En Marea vén de facer unha proposta de emerxencia que bautizou como “Tarifa ARENHH” (Acceso Regulado á Enerxía Nuclear e Hidráulica Histórica), un modelo similar ao que xa se aplica en Francia e aprobada pola Unión Europea.
A iniciativa, defendida esta mañá en rolda de prensa polo deputado Francisco Casal e que será sometida a debate dos grupos no Parlamento de Galicia, insta ao Ministerio de Transición Ecolóxica a establecer un prezo fixo de entre 40 e 42 €/MWh á que terían que acollerse, de maneira obrigatoria, os produtores de enerxía eléctrica de orixe nuclear ou hidráulico con contratos a longo prazo dun mínimo de 10 anos e garantiría a viabilidade da industria electrointensiva.
“Xogámonos miles de postos de traballo”, sinalou Casal, que lembrou que só na Mariña luguesa a desaparición de Alcoa suporía unha catastrofe económica e social e a desaparición do 30% do PIB da provincia de Lugo. ” Que estas centrais segan a vender a prezo de Pool supón regalarlles ás eléctricas un mínimo de 1.740 M€ ao ano, os coñecidos como beneficios caídos do ceo, que pagamos empresas e fogares, tendo en conta que a produción nuclear en 2018 foi de 52 TWh e a hidráulica de 35 TWh”, engadiu.
Para o parlamentario de En Marea “as medidas contempladas na actualidade polo goberno do Estado para paliar a situación das electrointensivas redúcense a aplicar ata o máximo autorizado pola UE as compensacións por custos indirectos dos dereitos de emisión de CO2, por importe de 200 M€, e a manter as poxas de interrumpibilidade por un importe similar”.
“Dende En Marea acabamos de coñecer que o Ministerio de Transición Ecolóxica tiña preparado un Real Decreto cunha Proposición de Lei que plantexaba algo moi semellante a isto, pero nunca veu a luz pola presión dos lobbis, dos que participan políticos coma Aznar e González, que campan ás súas anchas polos consellos de administración das principais eléctricas”, concluíu.