Estás aquí: Inicio » En Marea pon os seus votos a disposición da moción de censura ao Partido Popular
A dirección de En Marea acordou poñer os seus votos a disposición da moción de censura para que o presidente do goberno central, Mariano Rajoy, “non siga nin un minutos máis á fronte dun partido e dun goberno que saquea os recursos públicos”. Así o anunciou o voceiro, Luís Villares, que ve necesario que esa iniciativa se extenda tamén ao Parlamento de Galicia e, polo tanto, ao executivo de Alberto Núñez Feijóo na Xunta.
“Estamos ante os piratas do saqueo, do roubo; duns corsarios que fixeron da corrupción unha forma de vida” e causaron con elo “moito sufrimento á poboación”. Son palabras do voceiro de En Marea, que á vista da recente sentenza da Audiencia Nacional considera fundamental que a sociedade, a través dos seus representantes políticos, aparte da acción institucional aos que tamén foron responsables “duns recortes que quitaron esperanza de vida, obrigaron a marchar a moita xente e fixeron que moitos nenos e nenas deixaran de nacer por falta de espectativas de futuro”.
Villares remarcou a necesidade de poñer en relación a nomeada sentenza co conxunto do Partido Popular. “Toda a cúpula do PP non podía ser ignorante do que estaba pasando. Ademais, a sentenza declarou que se beneficiaron do que estaban facendo os seus corsarios”, indica o voceiro. Que quixo destacar a existencia “duns corsarios” que traballan polo beneficio do partido e da súa dirección.
Máis aló das iniciativas impulsadas dende Madrid, En Marea traballará tamén para conseguir que a censura ao goberno do “barco pirata” do Partido Popular chegue tamén ao Parlamento de Galicia; onde a formación esixirá responsabilidades do presidente da Xunta. “En Galicia os corsarios teñen nome e apelidos, e o corsario xefe é Núñez Feijóo. Por iso é necesario censurar a actitude dun corsario que sabe, lexitima e se beneficia das accións dos que puxeron as mans no que era de todos. Que se beneficiaron dun financiamento ilegal que lles fixo concorrer ás eleccións e gañar con trampas. Por esa razón queremos deixar ben claro que non imos aceptar nin un minuto máis que o presidente da Xunta estea aquí sen dar explicacións, sen explicar que fixo como cúpula do barco pirata para impedir todo o que estamos vendo. Queremos que asuma responsabilidades” asevera Villares.
Para o voceiro de En Marea os datos probados na sentenza da Audiencia Nacional evidencian a indudable necesidade de censurar o conxunto da acción de goberno. “Porque é necesario censurar unha forma de estar en política corrupta e que non busca outra cousa que o enriquecemento persoal a costa do ben común”, afirma Luís Villares.