Estás aquí: Inicio » EN MAREA POLA DIVERSIDADE
Hoxe, no Día Internacional do Orgullo LGTBIQ, e todos os días do ano, dende En Marea reafirmamos o noso compromiso coa igualdade, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación.
Hoxe é día para sentirnos orgullosas, hoxe conmemóranse os sucesos acontecidos fai 50 anos, cando na madrugada do 28 de xuño os colectivos máis discriminados por unha sociedade cishetero alzáronse nunha revolución no bar Stonewall Inn de Nova Iork loitando polo dereito de ser e amar libremente.
Medio século despois, o xerme da loita de clases, antirracista e de xénero segue vivo e tecendo rede para o desenvolvemento dunha sociedade unida e combativa, porque temos claro que os dereitos non son gratuítos nin agasallos, hai que preservalos e amplialos para as xeracións futuras, como fixeron as valentes de Stonewall Inn.
Dende En Marea seguiremos na loita para erradicar a desigualdade, os acosos e o máis importante, as agresións físicas e psicolóxicas en calquera eido da vida (familiar, social, educativo, laboral, sanitario, xudicial, etc).
Así mesmo, esiximos á Xunta de Galicia e a Alberto Núñez Feijóo que aproben as leis en materia de identidade de xénero impulsada polas asociacións e que establezan unha dotación orzamentaria para cumprir a xa de por si escasa Lei 2/2014 do 14 de Abril pola Igualdade de Trato e non discriminación das persoas LGTBIQ+ en Galicia e a aplicación real por parte da Consellería de Educación do protocolo educativo redactado por Arelas.
Dende En Marea facemos un chamamento a participar en todas as actividades, concentracións e mobilizacións organizadas polos distintos colectivos en torno ao 28 de xuño e amosamos o noso agradecemento a todas as persoas que loitaron e seguen loitando para acadarnos o dereito de sentirnos orgullosas do noso xeito de amar e compartir a vida, libremente e sen prexuízos.
UNHA MAREA DE MOTIVOS PARA COIDAR A NOSA DIVERSIDADE.
UNHA ONDA DE ORGULLO PARA CONQUISTAR OS NOSOS DEREITOS.