Estás aquí: Inicio » En Marea pídelle a Feijóo que negocie o traspaso de dez competencias a Galicia de xeito inmediato
Luís Villares tamén demanda que a Xunta se sume á Comisión bilateral Galicia-Estado, aprobada no Congreso a instancias de En Marea, para actualizar 70 competencias que quedaron sen transferir dende hai unha década
Logo dunha década na que a transferencia de competencias deixou de figurar na axenda política de Feijóo, En Marea insta ao presidente da Xunta a reclamar de maneira inmediata as competencias en Tráfico e seguridade viaria, unha Polícía integral para Galicia, a creación dun servizo ferroviario de proximidade, a Ordenación do sector pesqueiroe a seguridade marítima. Ademais, entende que a xestión do dominio público marítimo-terrestre, dos portos de interese xeral, a inspección de Traballo, a saúde penitenciariae a xestión das bolsas e axudas ao estudotamén deben ser competencia do Goberno galego.
Para En Marea estas competencias contribúen de maneira efectiva a mellorar a calidade de vida da poboación galega. “Son un paquete transversal que afectan dende aos nosos sectores produtivos, á mobilidade, ao estudantado, ata ás condicións laborais e que implican melloras substanciais para o conxunto das maiorías sociais de Galicia”, sinalou Luís Villares para referirse á proposta, lembrandolle a Feijóo que “se temos un goberno autonomista é o momento de demostralo, pois este é un bo marco de traballo e só é cuestión de vontade política”.
Cada unha das competencias serán trasladadas por En Marea ao pleno do Parlamento para o seu debate polos grupos e tamén iniciará unha campaña social para explicarlle á poboación galega os beneficios que implicarían a transferencia destas competencias a Galicia.
O voceiro de En Marea cuestionou o “disfraz de autonomista que se puxo Feijóo, tras descubrir o autogoberno a semana pasada” instándoo a participar activamente da Comisión Bilateral de Competencias Galicia-Estado, reactivada grazas a unha iniciativa presentada polo grupo de En Marea no Congreso e aprobada co apoio de todos os grupos agás Ciudadanos o pasado mes de decembro. “En Marea é a forza que traballa no Congreso coa Axenda Galega do Cambio como garante de autonomía, é quen esperta do letargo esta comisión tras anos de inactividade, aquilo que non fixo o goberno galego fíxoo En Marea”, sinalou.
“Seguimos sinalándolle o camiño de traballo a Feijóo”, engadiu Villares, “pois hai que rescatar e actualizar o paquete de 70 medidas que quedaron sen transferir hai paroximadamente unha década, pois as necesidades sociais cambiaron e hai que adaptalas aos novos tempos”. O voceiro de En Marea tamén fixo referencia na súa intervención á negativa do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a contestar as preguntas formuladas sobre as alianzas do PP con partidos que negan o dereito á autonomía. “Isto contradi o disfraz de autonomista que se acaba de poñer Feijóo”, cuestionou Villares, “estamos ante unha pose, como demostraron as declaracións de Diego Calvo alentando os pactos con forzas que negan este dereito do nos país”. Para En Marea “non se pode ser autonomista e centralista ao mesmo tempo, ou se está co autogoberno, ou se está cos partidos que alentan o odio cara ao Estado das Autonomías”.
Na rolda de prensa, Luís Villares tamén explicitou o apoio de En Marea á manifestación convocada contra os recortes en sanidade o vindeiro dez de febreiro en Compostela.