Estás aquí: Inicio » En Marea pídelle á Consellería do Mar que reforce as medidas de seguridade no porto de Malpica
Transcurrido un mes dos últimos sinistros marítimos, e ante a previsión de temporal no mar para as vindeiras xornadas con condicións similares de climatoloxía ás daquel entón, o grupo parlamentario En Marea reclama información á Consellería do Mar sobre a investigación destes naufraxios e, esixe que se reforcen as medidas de seguridade no porto de Malpica, tal e como veñen demandando moitos usuarios da infraestrutura dende hai tempo.
En Marea quere coñecer cales foron as circunstancias do afundimento do “Silvosa” logo de que chocase a embarcación contra un muro do porto debido a unha corrente, causando a morte dun mariñeiro, pois en Malpica sucédense as voces que cuestionan a seguridade do peirao para as embarcacións nas comportas da dársena en condicións adversas de temporal.
Para o grupo parlamentario, a conselleira do Mar debe informar canto antes en sede parlamentaria sobre os resultados dos informes realizados a raíz do accidente, e tamén aclarar se o seu departamento ten pensado acometer algunha medida na infraestrutura. En Malpica a veciñanza xa activou unha campaña de recollida de sinaturas, con máis de mil apoios recadados, para que Portos de Galicia reforme a dársena de cara a garantir a seguridade das embarcacións nas entradas e saídas a porto.