Estás aquí: Inicio » En Marea pide no pleno á creación dun parque de bombeiros de xestión pública directa para atender a comarca do Val Miñor
O grupo de En Marea levou ao pleno da Cámara galega unha proposición non de lei na que se instaba á Xunta de Galicia a dotar dun parque de bombeiros de xestión integramente pública para a bisbarra do Val Miñor formada polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán cunha poboación permanente de 43904 persoas e que multiplícase na época estival chegando a picos de preto de 20.000 habitantes.
A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, salientou que a iniciativa defendida polo seu grupo viña avalada por 3.410 veciños. “Non é asumible que despois do que pasou o ano pasado na vaga de incendios, das persoas mortas, das hectáreas queimadas, todo siga igual” lamentou Eva Solla.
Por este motivo, desde En Marea defenden que o Val Miñor teña un parque de bombeiros 100 por cen público e que a Xunta cumpra o artigo 4 da lei de Emerxencias, o dereito da cidadanía a unha resposta eficaz aos riscos. Tanto a veciñanza estable como a estacional ten dereito á actuación unha resposta eficaz ante os riscos é a unha adecuada protección da súa integridade, dos seus bens e do seu entorno.
Actualmente os poderes públicos tratan de garantir este dereito cun infradotado Grupo de Emerxencias Supramunicipal que é xestionado pola mancomunidade do Val Miñor, contando co apoio do parque comarcal de bombeiros de O Porriño, que pola distancia entre a súa base e a comarca ten un tempo de resposta superior ao que consideramos adecuado.
Por todo isto a Comisión Promotora desta Iniciativa non lexislativa popular para a Creación dun Parque de Bombeiros no Val Miñor trasladou unha proposición non de lei asumida polo grupo de En Marea, na que se insta á Xunta de Galicia creación dun Parque de Bombeiros de xestión pública directa con base nalgún dos Concellos da Comarca do Val Miñor, no que se integre o actual persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Mancomunidade do Val Miñor.