Estás aquí: Inicio » En Marea pide a paralización cautelar das obras do parque eólico de Mouriños para evitar a destrución dun dos últimos espazos virxes da Costa da Morte
Antón Sánchez: “A empresa Naturgy comezou a obra sen respectar o patrimonio da zona causando danos irreversibles e vulnerando a Declaración de Impacto Ambiental”
O grupo parlamentario En Marea vén de solicitarlle á Xunta a suspensión cautelar das obras no parque eólico de Mouriños, proxectado por unha filial da empresa Naturgy nunha serra de alto valor natural e patrimonial en Cabana de Bergantiños, na Costa da Morte. O vicevoceiro Antón Sánchez, que incorpora numerosas fotografías dos destrozos na súa iniciativa, considera urxente paralizar a destrución “dunha das últimas paraxes virxes deste país, na que se fixeron detonacións que afectaron a formacións rochosas antes de avaliar o seu interese xeomorfolóxico.
“Hai que avaliar os danos causados, a maioría irreversibles, pois vulneran o establecido na Declaración de Impacto Ambiental outorgada pola Xunta, que sinala que a zona debería volver á situación orixinal trala unha vez superada a vida útil do parque eólico”, denuncia Sánchez, que lle pide ao Executivo galego que avalíe en detalle todos os danos causados polas obras e evite que se siga destruíndo elementos de alto valor patrimonial e natural na serra.
Para Antón Sánchez a deixadez da Xunta con estas afectacións denunciadas por numerosos colectivos como Salvemos Cabana ou a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) “é a demostración de que o PP aposta por un modelo de desenvolvemento económico insostible, asentado no expolio e na destrución do territorio”, no canto de defender a ampliación da Rede Natura ou de aprobar as Directrices da Paisaxe, outra promesa incumprida de Feijóo para 2017.
Non é a primeira vez que En Marea traslada a preocupación polas obras do parque eólico de Mouriños ao Parlamento. En agosto de 2017, Antón Sánchez xa rexistrara iniciativas nas que instaba a Xunta a estudar outras alternativas para a construción do parque eólico, con menor dimensión e impacto na natureza, e o establecemento dos beneficios que lles reportará a construción aos concellos e poboacións afectadas, pois neste parque eólico nin se contempla o pagamento de canon eólico por parte da empresa.