Estás aquí: Inicio » En Marea pide a dimisión de Rodríguez Miranda por non ofrecer os datos da viaxe de Feijóo para regresar dos USA
O voceiro de En Marea preguntou ao presidente da Xunta polos gastos derivados do retorno de Feijóo da viaxe dos Estados Unidos para acudir a unha manifestación convocada polo PP. Luís Villares preguntou quen pagou os sobrecustes deste regreso fóra de axenda e preguntou tamén por qué desde hai tres meses ninguén da administración galega, nin o propio Feijóo explicou quen e onde estaba a factura correspondente a eses gastos.
O voceiro de En Marea preguntou na sesión de control ao presidente como era posible que tralas numerosas preguntas realizadas polo seu grupo, non houbera ningunha resposta desde o mesmo momento en que se produciu a viaxe. Ao mesmo tempo, Luís Villares pediu a Feijóo que presentase esta factura, da mesma forma que xa pedira ao responsable da viaxe, Antonio Rodríguez Miranda, que dese información no Parlamento sobre quen asumira os gastos dese retorno.
O presidente da Xunta asegurou que eses gastos existiron e que foran asumidos polo Partido Popular, explicando que a factura tíñaa o propio partido pero sen exhibila. Para Villares a explicacións do presidente da Xunta deixan en moi mal lugar ao secretario xeral de Emigración, quen se negou a dar os mesmos datos que hoxe deu por certos o presidente da Xunta.
Por este motivo, o voceiro de En Marea, pediu a dimisión de Antonio Rodríguez Miranda por “ocultar datos que foron pedidos formalmente por En Marea en comisión e por negarse a contestar as preguntas formuladas en comisión no Parlamento de Galicia”.