Estás aquí: Inicio » En Marea pedirá explicacións á Xunta sobre obras sen autorización en San Salvador de Asma e pola posible venta de pedra do mosteiro
En Marea solicitará tamén á Xunta explicacións pola denuncia presentada polo Sorriso de Daniel, a respecto dun anuncio de venta de pedra nun portal de venta, cuxo número de teléfono é o mesmo que o que se pon de referencia para a venta do mosteiro.
O mosteiro de San Salvador de Asma, en Chantada, é un centro esencial da vida socioeconómica de Chantada dende mediados do século X. Trátase dunha xoia do noso Patrimonio, que conta con restos de distintas épocas. Consérvanse vestixios románicos e un templo tamén do século XII, con restos prerrománicos, así como partes do s. XV, XVII e XVIII. Asemade, conta cun retábulo renacentista. A igrexa é visitable, pero o conxunto do mosteiro non, estando en mans privadas.
Recentemente, foi declarado BIC, na categoría de monumento, de acordo co Decreto de 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Dita consideración de BIC “acadará todas as súas partes integrantes e elementos pertencentes, polo que serán parte do ben declarado BIC as dependencias ou edificacións anexas que teñan relación cos seus valores culturais, en especial as igrexas e capelas, as edificacións residenciais, as construcións auxiliares de carácter significativo ou funcional e os muros de peche dos predios inmediatos”.
Segundo establece o artigo 39 da Lei de Patrimonio, que regula o réxime de autorizacións das intervencións nos bens de interese cultural, “ as intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados… terán que ser autorizadas pola consellaría competente”, autorización que terá “carácter independente de calquera autorización licenza ou trámite previo”.
Por todo isto, a deputada Paula Vázquez Verao volverá pedir explicacións polas obras en San Salvador de Asma e solicitará que se inicien os trámites pertinentes para reparar o dano causado no mosteiro de San Salvador de Asma.
Ademais, En Marea instará á Xunta a presentar un informe sobre as posibilidades de adquisición e xestión pública do mosteiro de San Salvador de Asma así como a elaboración dun Plan Especial de Protección para o mosteiro, declarado BIC.