Estás aquí: Inicio » En Marea logra a aprobación dunha iniciativa para elaborar un plan integral de apoio ao sector do mar entre a Xunta, o sector e as Universidades galegas para facer fronte a norma de desembarco da totalidade das capturas
O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade a iniciativa do grupo parlamentario de En Marea na que se insta á Xunta a elaborar, en cooperación co sector e as Universidades galegas, un plan integral de apoio ao sector do mar afectado pola entrada en vigor da norma que obriga ao desembarco da totalidade das capturas, que permita abordar o impacto económico que a obriga de desembarco vai ter para a frota artesanal galega. Este plan como explicou a deputada Julia Torregrosa debe contemplar, entre outros, dende os estudos para aplicar melloras técnicas nas embarcacións que permitan reducir os descartes, así como a financiación dos estudos científicos que permitan minimizar o impacto da norma logo da súa presentación ás autoridades europeas, ata os mecanismos de compensación económica ante as situacións de peche que se poidan provocar pola aplicación da norma.
Na súa intervención a deputada de En Marea lembrou que no vindeiro ano 2019 comezará para o conxunto da frota europea, e polo tanto tamén para a galega, a obriga de desembarco da totalidade das capturas, esta normativa suporá unha modificación moi importante nos usos e maneiras da nosa frota e, sobre todo, unha nova problemática engadida á difícil supervivencia económica das nosas embarcacións.
Esta normativa, que asegurou En Marea comparte no fondo e obxectivos que persegue de preservar o stock das especies ameazadas, en todo caso está sendo desenvolvida de forma que o interese de preservación quede a un lado para no fondo asistir ás demandas da piscicultura industrial, xa que logo a obriga de desembarco das especies e a súa prohibición, ao tempo, de venda para consumo humano, evidencia intención de acadar materia prima para as fariñas de pescado que serven de alimentación a piscicultura industrial.
Un recente estudo da Universidade de Santiago confirma o enorme impacto económico que suporá para a nosa frota, derivado en parte da non diversificación da norma en función do tipo de frota e aparello, este estudo conclúe que a perda económica para a nosa frota de baixura nas especies obxectivo (xarda, merluza, raia, …) ascendería a máis de 60 millóns de euros anuais e podería afectar a máis de 11.000 traballadores do conxunto mar industria, polo tanto compre unha acción seria, organizada e sistemática para evitar na medida do posible estes prexuízos.
Por todo isto, En Marea presentou esta iniciativa que contou co apoio de todos os grupos parlamentarios na comisión de Pesca e Marisqueo da Cámara galega.