Estás aquí: Inicio » En Marea leva á comisión a situación de total abandono que están a sufrir os profesionais sanitarios das urxencias do CHUS
A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla Fernández, trasladou á Comisión de Sanidade no Parlamento de Galicia a situación que están a vivir as e os profesionais sanitarios das urxencias no hospital de Compostela. Foron as propias traballadoras e traballadores quen demandaron solucións ante este abandono, que está a xerar un total descontrol nas inmediacións de urxencias tal e como denunciou Solla na súa intervención. A falta de medios, tanto de persoal como de material, provoca situacións de moita tensión e en consecuencia reflíctese no empeoramento da calidade asistencial o que repercute non só nas doentes e nos doentes, senón tamén nas condicións laborais e na carga de traballo do persoal.
Así pois, as ratios de pacientes rexistradas son máis elevadas das que puidese soportar o persoal sanitario en activo. O número de traballadores é menor neste complexo hospitalario que noutros que comparten características e cos que se puidese comparar, como o CHUAC ou o CHUVI, que a súa vez tamén se atopan saturados e faltos de persoal como destacou Eva Solla.
En canto ao material, os profesionais denuncian a falta de renovación de aparellos, que actualmente se atopan en situacións lamentables. Non existe unha solución real para este problema, xa que a práctica común reside en reparacións puntuais que, a longo prazo, non constitúen unha disolución dos problemas, pero si denotan a falta de compromiso por parte da Xunta.
En Marea reuniuse coa dirección e a xerencia do centro e pese aos compromisos e a existencia de partidas habilitadas para darlles solución, seguen ser abordadas.
Do mesmo xeito, En Marea denunciou a desatención da Xunta ante falta de solucións reais, xa que as modificacións acadadas ata agora no servizo non son suficientes. Estas circunstancias levan ao empeoramento da calidade asistencial da sanidade pública, empeoramento que será potenciado co peche de camas anunciado para os meses de verán.
A deputada destacou que a saturación de urxencias supón un problema grave para o persoal sanitario e para o alleo, xa que prexudica á calidade dos servizos e mingua a profesionalidade das e dos traballadores.
O grupo parlamentario de En Marea continua pedindo explicacións e solucións á Consellería e recollendo as demandas do sector sanitario público. Así, esta mesma tarde manterá unha reunión co colectivo Arelas (asociación de familiares de menores transexuais) para tratar entre outros aspectos sanitarios (15:30h) e coa Plataforma SOS Sanidade Pública para analizar os novos ataques ao sector e definir respostas para combatelos.