Estás aquí: Inicio » En Marea lamenta un novo retraso na designación de representantes ao Senado por parte do PP e do “seu militante” Santalices
Luís Villares: “O PP impón coa súa maioría absoluta un uso espúreo das institucións negando que Galicia conte con representación no Senado”
“O presidente do Parlamento actúa sempre como militante do PP levando por diante os dereitos de representación política de Galicia”. Así cualificou o voceiro de En Marea Luís Villares a decisión tomada esta mañá na Xunta de Portavoces a iniciativa do PP de adiar sine die e reiniciar todo o procedemento parlamentario para a designación territorial de representantes ao Senado por parte do Parlamento de Galicia.
“O PP non deu ningún tipo de explicación a esta decisión e o presidente do Parlamento limitouse a dicir que a maioría absoluta manda, algo que nos parece absurdo e interesado”, sinalou Villares que cualifica de “absurdo e interesado este adiamento. O voceiro de En Marea cualifciou de “vergoña democrática” e de “burla” esta imposición do PP, segundo el, por conflitos internos que non están explicitados pero que nos deixa “como principais prexudicados ao conxunto da sociedade galega”.
Para En Marea “o que o que estamos retrasando é a designación de tres persoas que representan a Galicia, polo que o PP está negando ao conxunto da cidadanía o dereito de participación politica subvertendo as normas democráticas”. Segundo Villares trátase “dunha trampa democrática” e fixo un chamamento para que o PP recapacite e o procedemento remate conforme establecen as normas da Cámara.
Luís Villares tamén avanzou as iniciativas que o grupo de En Marea trasladará ao pleno da vindeira semana, moi centradas, unha vez máis, na defensa dos servizos públicos. Nese senso En Marea levará unha interpelación sobre as listas de espera do Sergas durante o verán, unha moción sobre Atención Primaria e unha pregunta ao Goberno sobre a folga dos servizos de emerxencias “por unhas condicións laborais que non lles permiten traballar en condicións de dignidade.”.
Outra das cuestións será a mina de Touro. Tralo ditame do Defensor del Pueblo no que se recoñecen as carencias dos estudios ambientais para autorizar a reapertura da mina de Touro. “Levamos tres anos denunciado isto e a Xunta segue cara adiante, pesando máis as presións dos lobbis ou poñerse do lado da xente e deixar sen efecto este procedemento”, denunciou o voceiro parlamentario.
A pregunta ao presidente na sesión de control versará sobre a delicada situación de Ferroatlántica, na que En Marea ve dous responsables: o goberno de España, “por non establecer unha tarifa estable e competitiva para a industria. segunda poxa de interrumpibildade aínda mais restritiva”, e a Xunta de Galicia por non esixir a Ferroglobe que empregue a enerxia producida das centrais hidraulicas de Cee e Dumbría para autoabastecerse. “Serían as factorías de ferroaleación máis competitivas de Europa e garantiríase o futuro industrial da comarca da Costa da Morte”, concluíu.