Estás aquí: Inicio » En Marea lamenta a falta de vontade política que, un ano despois da explosión de Paramos, mantén a zona cero pendente de reconstrución
En Marea lamenta a falta de vontade política e o desleixo que, un ano despois da explosión que acabou coa vida de dous veciños de Paramos, mantén a zona pendente de reconstrución. O voceiro e a vicevoceira da formación desprazáronse ata a zona cero da catástrofe para amosar o seu respaldo á veciñanza na conmemoración do primeiro aniversario do accidente. Luís Villares e Ana Seijas acompañaron aos candidatos de En Marea Tui e á Asociación de Afectados. E comprometéronse a continuar acompañando as reivindicacións da poboación local e prestando o seu apoio para conseguir que ésta vexa reposto o 100% dos bens destruídos.
Un ano despois da catástrofe que deixou o lugar da Torre reducido a cascallos, o voceiro de En Marea quixo destacar a lección de “solidariedade, esperanza e unidade” que supuxo a reacción da veciñanza de Tui. “Non se resignaron e traballaron unidas, remando no mesmo sentido para acompañar ás vítimas, ás súas familias, dándole o que tiñan para que a ninguén lle faltase o básico nuns momentos tan duros. E dixéronnos así a todos os demais que o que tiñamos que facer era arrimar o ombro. Lamentablemente, un ano despois o lugar de Paramos está aínda pendente de reconstrución”, denuncia Luís Villares. Que condena a excesiva burocracia e os intereses políticos encontrados que teñen ralentizado de xeito inadmisible a chegada das solucións que os afectados precisan.
O voceiro de En marea lamentou que, a diferencia do que aconteceu despois do terremoto de Lorca, no caso de non se habilitasen os mecanismos precisos para axilizar a axuda necesaria. “Non existe unha norma que sexa capaz de concertar obrigatoriamente a todas as administracións a actuar conxuntamente para reconstruir despois dunha traxedia coma esta. Faltou vontade política para reconstruír ineditamente e por lei a zona afectada. E por iso a veciñanza afectada segue preguntándose, un ano despois, que culpa tivo para que isto non estea solucionado”.
O voceiro de En Marea destacou o papel de acompañamento que a formación ten brindado aos afectados dende o primeiro momento. “Nunca presentamos no Parlamento de Galicia nin en ningunha outra institución ningunha reivindicación máis nin menos das que eles nos reclamaron. E seguiremos prestando o noso apoio ata que todo o mundo teña restaurado o 100% dos bens materiais, xa que a vida das persoas que marcharon non se vai poder recuperar”, conclúe Villares.
Tamén o candidato á alcaldía de En Marea Tui, Laureano Alonso, lamentou todo o traballo que queda por facer. “As diferentes administracións teñen moito que axudar e apoiar aos afectados, e dende o Concello de Tui temos tamén moito trabalho pendente para resolver o problema”. O cabeza de lista lembrou a reclamación de reposición do 100% dos bens afectados que a formación ven mantendo desde o primeiro momento, e lamentou que un ano despois as 30 vivendas destruídas continúen pendentes de reconstrución. “A xente está cansa e desesperada, e agardamos que o barrio da Torre de Paramos e parte do barrio do Souto de Guillarei pronto poidan estar como eran hai un ano exactamente”.