Estás aquí: Inicio » En Marea lamenta a falla de coherencia do PP ao votar en contra da creación dun centro de día en Ribadavia no Parlamento despois de votar a favor no pleno do Concello
O grupo parlamentario de En Marea presentou en comisión no Parlamento de Galicia unha iniciativa na que reclamaba a creación e instalación dun centro de día no edificio do actual Centro Socio-comunitario de Ribadavia na que o Partido Popular votou en contra pese a ter apoiado esta mesma petición no pleno do Concello. A deputada Paula Quinteiro lamentou a “hipocrisía e falla de criterio” do grupo popular que o único que fixo foi intentar dar escusas infundadas para negarse a apoiar a creación deste centro de día.
Quinteiro lamentou que se empregasen argumentos falsos para tirar por terra a petición do seu grupo aludindo por exemplo a problemas técnicos que como explicou a deputada de En Marea “son mentira” xa que non é verdade que existan razóns técnicas que impidan crear e instalar un centro de día no edificio do actual Centro Socio-comunitario de Ribadavia. Así mesmo, rexeitou as emendas do grupo do PSdeG xa que asegurou restan concreción e facilitan que os proxectos se convertan en promesas electorais que nunca se levan a cabo.
Quinteiro salientou que o único que En Marea reivindicou no Parlamento foi un mandato Plenario do Concello de Ribadavia, e “debese só aos intereses veciñais e non a tacticismo partidista”, polo que desde En Marea non entenden que se vaia contra dita petición e sobre todo tendo en conta que o PP de Ribadavia votou a favor, e o PSOE de Ribadavia no goberno abstívose.
Quinteiro destacou a importancia deste tipo de centros como “recursos fundamental en Galicia ante a elevada porcentaxe de persoas de idade avanzada e que dan resposta a esa necesidade de coidados axudando a avanzar no reparto máis equitativo do traballo de coidados e recursos imprescindible para moitas familias”.
“Constitúen un modelo intermedio entre a institucionalización completa das persoas e a atención no fogar, axudan a que moitas familias poidan continuar traballando, pero tamén vivindo coas persoas maiores ou dependentes” defendeu a deputada de En Marea. Por este motivo, En Marea cre que “non pode ser que ningunha persoa que queira ter acceso a un recurso como este non teña a posibilidade”.
A proposta como salientou a deputada de En Marea foi bo visto polo pleno do concello a raíz dunha moción presentada polos grupo de Ribeiro en Común. “A veciñanza leva anos escoitando promesas incumpridas” asegurou Paula Quinteiro na súa intervención no Parlamento que reclamou así mesmo que fora acompañada dunha partida económica. Neste sentido, o grupo de En Marea anunciou que presentarán unha emenda aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano para incluír unha partida destinada a facer realidade este centro de día en Ribadavia.
Así mesmo, Paula Quinteiro incidiu que se trata dun edificio en boas condicións e bo estado, propiedade da Xunta de Galicia, que debe ser aproveitado e non repetir políticas vellas de crear edificios novos que despois quedan baleiros. “ Suporía o aproveitamento dun recurso xa existente e facilitaría a creación dun novo servizo que non existe, evitando o malgaste de construír un novo edificio, polo que a xestión pública sería moito máis eficiente” concluíu Quinteiro.