Estás aquí: Inicio » En Marea insta ao PSOE a buscar un consenso coas forzas progresistas para a renovación da Valedora do Pobo
Luís Villares: “Dende a diversidade das forzas progresistas debemos buscar un entendemento para renovar a Valeduría”
Santiago, 26 de xullo de 2019.- O voceiro de En Marea, Luís Villares, criticou este venres que a renovación na Valeduría do Pobo chega tarde e o uso espúreo das institucións por parte do Partido Popular. “A institución está moi desprestixiada porque o PP fixo un uso partidario dela e mativo á persoa que nomeou a pesar de haber sentencias reiteradas de enchufismo contra ela”, destacou.
En Marea vaise opoñer ao nomeamento de María Dolores Fernández Galiño como Valedora do Pobo na Cámara galega porque non é un nome representativo dunha idea ampla e consensuada. “Pensamos que dende a diversidade das forzas progresistas debemos buscar un entendemento para renovar a Valeduría”, dixo o voceiro.
“En Marea ten a man tendida ás forzas progresistas desta Cámara para acordar sobre o que de verdade importa, para ampliar dereitos e liberdades, para loitar pola igualdade e pola defensa do patrimonio natural”, asegurou Villares.
Por outra parte, Villares lamentou o “mal comezo” do socialista Gonzalo Caballero no Parlamento ao ir buscar consensos na dereita para pactar co PP o nome da persoa que ocupará a Valeduría do Pobo. “Debería buscar consensos no espazo progresista amplo de Galicia, que agora mesmo está representado na oposición no Parlamento”, sinalou, para engadir que “era o momento de exemplificar que aquí facemos as cousas de forma diferente”.
O voceiro de En Marea apuntou que con este pacto entre PP e PSOE pérdese “unha oportunidade de establecer unha estraexia de cooperación leal no espazo progresista galego para poder ir avanzando unha idea da alternativa progresista para as eleccións do ano 2020”.
Con “seriedade e serenidade”, Villares considerou que as forzas progresistas galegas tiñan que comezar a enviar sinais á cidadanía de que son que de entenderse e chegar a acordos no asuntos importantes. “E a cuestión da Valeduría do Pobo é importante porque a súa función é controlar o poder executivo e ás institucións”, destacou.
No relativo á investidura fallida de onte no Congreso dos Deputados, Villares referiuse á “actitude irresponsable” de PSOE e Podemos porque con un mandato tan grande para facer un goberno progresista non foron capaces de chegar a un acordo. “Tiñan un mandato cidadán superior ao mandaro partidario para facer un Goberno progresista”, salientou.
Dende o Parlamento de Galicia, Villares fixo este venres un novo chamamento á responsabilidade “porque está en xogo unha alternativa progresista para Galicia no ano 2020”.