Estás aquí: Inicio » En Marea insta ao Goberno do PSOE a ir máis alá e declarar a nulidade da prórroga a Ence
Luís Villares destacou que foi En Marea quen condicionou a posición social e ambiental do Executivo tras presentar varias iniciativas para anular a decisión
En Marea instou este luns ao Goberno central a declarar a nulidade da prórroga a Ence tras a decisión do Executivo de dar instrucións á Avogacía do Estado para que presente a súa conformidade coa anulación na sentenza que se ditará proximamente nos tribunais. “Acaban de descubrir que a ampliación da prórroga é ilegal”, declarou Luís Villares, que ademais lembrou que En Marea xa rexistrou unha iniciativa na Cámara en novembro e “xa dixemos no 2016 que era contraria a dereito”. O voceiro de En Marea anunciou que “levaremos de novo ao Pleno do Parlamento esta cuestión para poder actualizar os termos dun debate que vai estar de actualidade ata que consigamos ver de forma efectiva como Ence sae da Ría de Pontevedra”.
Así, Villares considerou que “foi En Marea quen condicionou a posición social e ambiental do PSOE”, porque “xa dixemos naquel momento que había un fraude de lei e unha desviación de poder que debía dar lugar a que se anulase a decisión”. O voceiro de En Marea sinalou que cando se produciu o cambio de Goberno a raíz da moción de censura “puideron iniciar un proceso de revisión de oficio, que foi o que pedimos nós porque a decisión era nula de pleno dereito. O Goberno de Pedro Sánchez non foi valente e de forma timorata dixo que non se podía facer nada. Agora en tempo electoral, súmase á posición política e xurídica de En Marea e ao que era un clamor na Ría de Pontevedra e en toda Galicia”.
O voceiro de En Marea incidiu en que “queremos seguir sendo unha forza política determinante para o conxunto do país a partir do 28 de abril, en pro do medio ambiente e dun futuro produtivo e sostible. Esta é a posición útil para a cidadanía de Galicia que quere seguir tendo En Marea, condicionar o discurso político e as políticas públicas que redunden en beneficio ambiental, laboral e de cohesión territorial do país”.
Desta maneira, Luís Villares conminou o PSOE a que, tras ”rescatar a posición política de En Marea a remolque, en tempo de desconto e por intereses electoralistas”, vaia máis alá e “converta o próximo venres social en venres ambiental e declare a nulidade de oficio da prórroga. Poden dicir que agora non da tempo ata as eleccións, pero puideron facelo antes porque presentamos iniciativas no Congreso para que adoptaran esta posición en tempo e forma”. O voceiro de En Marea concluíu asegurando que “a posición do Goberno é incompleta, case un querer e non poder. A revisión de oficio non require ir a un tribunal, se non iniciar un expediente pola súa propia autoridade como Consello de Ministros para declarar a nulidade da prórroga. É un proceso curto no tempo”.