Estás aquí: Inicio » En Marea insta ao Goberno do Estado a derrogar as leis impostas polo PP coas que limitou o dereito das mulleres á interromper voluntariamente un embarazo
O grupo de En Marea ben de rexistrar unha serie de iniciativas nas que se propón que o Parlamento de Galicia se dirixa ao Goberno do Estado para que inicie os trámites necesarios para derrogar a Lei Orgánica 11/2015, do 21 de setembro, para reforzar a protección das menores e mulleres con capacidade modificada xudicialmente na interrupción voluntaria do embarazo, e a Lei 41/2002, do 14 de novembro, reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica para estender a capacidade de outorgar o consentimento para a interrupción do embarazo ás mulleres de 16 e 17 anos, equiparándoas ao réxime xeral aplicable ás mulleres maiores de idade establecido no Código Civil e, por tanto, deixando tamén nas súas mans a decisión de comunicalo ou non aos seus proxenitores.
Na proposta de En Marea pídese aplicar de inmediato o acordo parlamentario tomado o 23 de novembro do ano 2016 para garantir unha atención axeitada da interrupción voluntaria do embarazo en todos os centros da rede sanitaria pública e os dereitos reprodutivos das mulleres do rural. Así mesmo, garantir que a educación afectivo sexual sexa obrigatoria no currículo escolar e levar adiante campañas de formación sobre métodos anticonceptivos actualizados e completos.
A deputada Paula Quinteiro e o deputado Marcos Cal lembraron que o dereito á autonomía reprodutiva “é un dereito básico que no noso país non se está respectando”.
O feminismo conseguiu dar visibilidade á violencia obstétrica que padecen numerosas mulleres, e é un dos axentes centrais na defensa do dereito ao aborto. As limitacións no cumprimento deste dereito moitas veces veñen dadas pola falta de desenvolvemento e posta e práctica da normativa existente, ou pola ausencia de vontade política.
Nesta situación o grupo de En Marea considera necesario que a maternidade sexa sempre libremente elixida, e que a interrupción voluntaria do embarazo se realice con garantías na sanidade pública. “A derivación sistemática cara a sanidade privada debe rematar” esixiu Paula Quinteiro asegurando que a escusa que en ocasións se da para xustificar estas derivacións é a obxección de conciencia dalgúns profesionais, polo que compre regular esta cuestión para que nunca vaia en detrimento dos dereitos das mulleres.
O 23 de novembro do ano 2016 aprobouse no Parlamento de Galicia unha iniciativa para garantir unha atención axeitada da interrupción voluntaria do embarazo en tódolos centros da rede sanitaria pública e os dereitos reprodutivos das mulleres do rural. Aprobábase a creación de dous centros de referencia no país para a atención da interrupción voluntaria do embarazo, un na zona norte e outro na zona sur. Que se fornecera ás mulleres da atención axeitada tal e como recollen os protocolos internacionais, garantindo a mesma atención que nun parto, incluído o apoio emocional á muller durante todo o proceso, tendo en conta as súas necesidades, inquedanzas e desexos para poder abordar de xeito integral a súa saúde física e psíquica. E que se dotaran os concellos do rural de profesionais de xinecoloxía nos Centro de Orientación Familiar de referencia, para garantir a atención dos dereitos sexuais e reprodutivos de todas as mulleres, sen discriminacións xeográficas, independentemente de que vivan en zonas rurais ou urbanas. “Case dous anos despois, non se coñece ningún avance neste sentido” lamentou Marcos Cal.
Outra das cuestións nas que é preciso avanzar é no relativo á educación en materia de sexualidade e reprodución, así como no coñecemento e acceso aos métodos anticonceptivos. Neste último apartado o grupo parlamentario lembra que en abril de 2018, recollíase na páxina web do Sergas o folleto “O método anticonceptivo”, do ano 2010, no que se describen moi brevemente distintos métodos anticonceptivos, incorporando como método axeitado o coito interrompido, ou métodos baseados no coñecemento da fertilidade. “A divulgación que se realizaba neste era absolutamente escasa, sesgada e con datos moi cuestionables, como que a “marcha atrás” teña unha eficacia do 73 ao 96 por cento” explicou Paula Quinteiro.