Estás aquí: Inicio » En Marea insta á Xunta a poñer en marcha un plan para atender ás necesidades educativas da infancia emigrada e promover o retorno
O grupo parlamentario de En Marea presentou no Parlamento unha proposición non de Lei na que se pedía instar á Xunta de Galicia a eliminar o requisito de empadroamento para menores de nacionalidade española que residan no estranxeiro para estancias en centros educativos de Galicia durante unha duración mínima dunha semana e máxima de tres, non suxeitas a avaliación. Así mesmo, se pedía que a adxudicación do centro para estas estancias se realice tendo en conta as prazas vacantes en centros públicos próximos ao lugar de residencia dos familiares directos do menor e as características lingüísticas do país de acollida.
A deputada Luca Chao lembrou que o Estatuto de Galicia no artigo 5 marca que a lingua propia de Galicia é o galego sendo lingua oficial xunto co castelán en Galicia co dereito de coñecer e usar ambas linguas. Os poderes públicos están obrigadas a garantir o uso normal dos dous idiomas e potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e dispoñer dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
A lei 40/2006, do 14 de decembro, do Estatuto da cidadanía española no exterior, sinala a responsabilidade do Estado e as comunidades autónomas para que os residentes españois no exterior conten cunha adecuada atención educativa e insta a que se facilite a súa integración no sistema educativo español. Esta mesma lei recoñece na súa exposición de motivos que, no movemento de retorno acaecido nos anos 80 coa chegada da democracia, “a pesar de que este proceso ten lugar nun contexto económico favorable para España, non se adoptaron as medidas necesarias para atender integralmente ao devandito retorno” e establece unha serie de pautas e obrigacións para que as Comunidades Autónomas coordinen plans integrais de retorno que “permitan coordinar actuacións para un mellor e máis eficaz aproveitamento dos recursos públicos, garantindo o regreso a España nas condicións máis favorables”.
Nese senso cabe entender a Lei de galeguidade, a Lei 7/2013, de 13 de xuño. Lei, que no artigo 57 establece que a Comunidade Autónoma de Galicia promoverá medidas de apoio nos ámbitos educativo, laboral e social que favorezan o retorno a Galicia dos galegos e galegas residentes no exterior e facilitará a súa integración na sociedade galega nos termos que regulamentariamente se determinen.
Segundo os datos publicados polo INE o pasado 20 de marzo do presente ano, a data do 1 de xaneiro de 2018, 154.312 persoas nacidas en Galicia atópanse agora vivindo no estranxeiro. Delas 2287 teñen menos de 16 anos. Cifra que aumentaría a 53.193 se sumamos tamén a todas as que naceron fóra. Todos e cada un deses nenos e nenas sufrirán, do mesmo xeito que os adultos, o sentimento de dobre pertenza ou o sentimento apátrida, o desarraigamento da súa terra de orixe. É máis, en moitos casos estas nenas e nenos non chegarán a coñecer a súa terra, Galicia, nin a nosa lingua, nin a nosa riqueza cultural e, a duras penas, coñecerán aos seus familiares. “Unha nena ou un neno que crece sen coñecer a terra na que naceu ou a terra na que creceron os seus pais e onde está a súa familia directa, non sentirá nunca interese nin necesidade de retornar a ela, pois será unha terra na que non ten ningunha contorna emocional que lle sexa propia” asegurou Luca Chao.
O grupo de En Marea entende que Galicia ten unha débeda moral coas familias que se viron obrigadas a deixar a nosa terra e a obriga de facilitarlles o retorno, sempre que estes así o quixesen. “Se, no específico, falamos dos menores que se viron obrigados a emigrar ou que xa naceron fóra, dita obrigación resulta necesaria xa que estes nenos non decidiron irse, pero si poden decidir volver” xustificou a deputada de En Marea.
Porén, a día de hoxe, o Goberno galego non ten desenvolvido unha soa medida de apoio específico ao retorno infantil nin á atención da infancia e mocidade emigrada. Ante esta situación o grupo de En Marea presentou esta proposición non de Lei na comisión parlamentaria de Educación e Cultura que foi rexeitada polos votos en contra do grupo do Partido Popular. Unha postura que choca coa mantida polo Partido Popular noutras comunidades como Castela León onde si apoiaron unha petición similar a presentada polo grupo de En Marea para Galicia e pese a que o Goberno galego non ten desenvolto ningún tipo de medida de apoio de retorno dirixido á infancia.