Estás aquí: Inicio » En Marea insta á Xunta a modificar os orzamentos para comprometer unha partida para reiniciar e rematar o proxecto de ampliación do centro de saúde do Porriño
O grupo parlamentario de En Marea rexistrou no Parlamento de Galicia unha proposición non de Lei na que se pide á Xunta a aprobación dunha modificación orzamentaria para comprometer unha partida suficiente para reiniciar e rematar o proxecto de ampliación do centro de saúde de O Porriño, así coma dotalo de medios técnicos e humanos, axeitados ao concello é a súa contorna. Na mesma solicitan ademais manter no proxecto a dotación de fisioterapia, radioloxía, e a ampliación das dependencias do PAC e consultas, así coma da ampliación da unidade de atención ás drogodependencias, e comprometerse a executar a ampliación durante o ano 2019.
A vicepresidenta do Parlamento de deputada de En Marea, Eva Solla, fixo un chamamento ao Goberno galego a cumprir o anuncio realizado por parte do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que no mes de decembro anunciaba a ampliación despois de que o grupo popular votara en contra da iniciativa de En Marea na mesma liña presentada un mes antes no Parlamento de Galicia.
Eva Solla lembrou que o centro de saúde de O Porriño comparte dependencias co Punto de Atención Continuada que atenden á poboación dos concellos de O Porriño, Mos e Salceda de Caselas. O estado e tamaño de esta edificación dista moito de ser axeitado. Un dos problemas é a escaseza de espazos que impiden ampliar os servizos do centro, ou a ínfima superficie coa que conta o PAC, que obriga a moitos doentes a agardar nos corredores. Ademais son necesarias melloras estruturais, coma xa se ten evidenciado cos problemas referidos ás altas temperaturas que se alcanzan no centro durante os meses de verán.
Por outra parte, a Unidade de Atención ás Drogodependencias situada a carón do centro de saúde conta tamén cun espazo exiguo para dar a atención, que debera ser ampliado. Estas necesidades puxéronse de manifesto fai máis dunha década, aprobándose a ampliación do centro para o que se contou cun proxecto construtivo no ano 2009, prevéndose a dotación dun novo servizo de fisioterapia e outro de radioloxía, entre outras melloras.
No ano 2010, o Concello de O Porriño asinou un acordo coa Xunta de Galicia, deixando ao seu dispor unha parcela anexa de 525 metros cadrados. Pero a ampliación nunca chegou. Durante os últimos anos, foron moitas as ocasións nas que se demandou a ampliación, votando o Partido Popular en contra, tanto de iniciativas coma de emendas aos orzamentos. De feito no mes de novembro de 2018, trasladado este asunto á Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, o grupo maioritario votou novamente en contra impedindo que se aprobase a súa ampliación. Os argumentos foron que non era necesario neste momento.
Un mes despois e de xeito sorprendente, o Conselleiro de Sanidade visitaba O Porriño anunciando por repetidas veces a ampliación do centro. Un anuncio no que se falaba de incrementar as consultas e dispor dun servizo de fisioterapia, pero que deixaba fora outras melloras aprobadas previamente coma radioloxía, mellora da accesibilidade do centro ou zona de espera infantil, entre outras.
“O anuncio, semella máis enmarcarse na precampaña electoral municipal, xa que resulta incomprensible que nun mes se tivese mudado de opinión, pero tamén porque non existe ningunha partida específica nos orzamentos de 2019” lamentou Eva Solla. Nese senso débese lembrar tamén que o PP votou en contra das emendas aos orzamentos de En Marea que propuñan unha partida para tal ampliación.
Por outra banda, a folga que manteñen os profesionais e as profesionais dos PAC dende fai un par de meses debido á enorme sobrecarga de traballo e ás súas condicións, parece tamén estar detrás coma un novo intento de desmobilización.
Ante estas circunstancias, o Grupo Parlamentario de En Marea, presentou unha Proposición non de lei na que se insta á Xunta de Galicia a:
– Aprobar unha modificación orzamentaria para comprometer unha partida suficiente para reiniciar e rematar o proxecto de ampliación do centro de saúde de O Porriño, así coma dotalo de medios técnicos e humanos, axeitados ao concello é a súa contorna.
– Manter no proxecto a dotación de fisioterapia, radioloxía, e a ampliación das dependencias do PAC e consultas, así coma da ampliación da unidade de atención ás drogodependencias.
– Comprometerse a executar a ampliación durante o ano 2019. Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2019.