Estás aquí: Inicio » En Marea insta á Xunta a exercer as súas competencias e proceder á apertura da pesqueira da sardiña para o xeito
En Marea insta á Xunta de Galicia a exercer as competencias en materia pesqueira e a decretar coa maior urxencia a apertura da pesqueira da sardiña para o xeito que reclama o sector. A formación lamenta a falta de valentía e o desinterese que o goberno galego está a demostrar cara a un arte de pesca da que viven arredor de 500 familias, principalmente das rías de Arousa e Vigo. E reitera o seu apoio a unhas reivindicacións xustas que, en vista da completa inacción do goberno galego, o sector se verá na obriga de reclamar por vía xudicial.
“Cando lles interesa falan de competencias, e cando non, non. O que non pode ser é que a nosa xente non poida pescar e que o mercado galego se vexa invadido por sardiña de Portugal. A Xunta ten as competencias para exercer en augas interiores. Teñen a vontade política de exercelas? Parece que non”. Son palabras da vicevoceira do grupo municipal de En Marea, Carmen Santos, que este xoves levou as reclamacións do sector xeiteiro á Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia.
A formación non entende que a Xunta se desentenda da situación do sector e opte por mirar cara outro lado, ignorando as competencias sobre as augas interiores que lle outorgan o Estatuto de Autonomía e a Constitución.
En Marea insta á Xunta a tomar cartas no asunto; máis aínda en vista de que o peche ordenado polo goberno central se realizou sen ter en conta o reparto mensual por tripulante e buque que establece o Plan da Sardiña Ibérica, nin tampouco as posibilidades de trasvase entre meses que figuran no mesmo.
O xeito é un arte tradicional, absolutamente respetuoso co medio e que apenas ten pegada sobre o stock da sardiña, como pode comprobarse na irrisoria porcentaxe de capturas desta arte sobre o total da sardiña ibérica, polo que a xestión do consumo deste arte apenas afecta ao conxunto e resto de frotas.
Carmen Santos lembrou a dramática situación económica á que a Xunta, coa súa folga de brazos caídos a este respecto, está a condenar a un sector que, sen posibilidades de faenar, se atopa privado de ingresos. “En moitos casos non existen alternativas, como na ría de Vigo onde as embarcacións do xeito que non poden faenar por este peche tampouco o poden facer no marisqueo debido á presencia de toxina na ría”, indica a vicevoceira de En Marea.
Carmen Santos destacou a incongruencia que supón vetar o traballo dos pescadores galegos mentres o mercado se ve invadido por sardiña de Portugal. Nesa liña, a vicevoceira de En Marea destaca o “duro golpe” que a situación supón tamén para a hostalaría e o Turismo; “xa que a sardiña é un dos reclamos gastronómicos da zona que hoxe se está a cubrir con sardiña subministrada dende o Mediterráneo”.
Carmen Santos tamén puxo sobre a mesa o prexuízo que supón un peche efectuado nun mes no que “a xouba e a sardiña acadan bos prezos, e son subministradas tanto en fresco como para as empresas da conserva especializadas en este produto. Empresas que non mercarán este produto nos vindeiros meses, xa que o seu tamaño xa non será adecuado para a industria conserveira”.