Estás aquí: Inicio » En Marea insta á Xunta a dotar á comarca de Ferrol dun plan de transporte “integral, eficiente e moderno” e a impulsar a construción da intermodal
En Marea insta á Xunta de Galicia a incrementar o orzamento previsto para o vindeiro ano para a comarca de Ferrol e solicita que o goberno galego atenda sen máis dilación as necesidades pendentes en materia de transporte colectivo, vivenda e saneamento. O vicevoceiro do grupo parlamentario, Antón Sánchez, e o deputado Francisco Casal reuníronse este mércores co alcalde e representantes do goberno local de Ferrol para recoller as sas demandas; que En Marea incorporará ás emendas que presentará ao orzamento da Xunta para 2019.
En sintonía co que demanda o goberno local de Ferrol en Común, En Marea insta á Xunta a aproveitar a oportunidade que supón o Plan de Transporte de Galicia para dotar á cidadanía da contorna ferrolá dun plan de transporte “integral, eficiente e moderno”. O vicevoceiro da formación denuncia “a caótica política de transporte” que está a impulsar o executivo autonómico, e demanda “maior compromiso e diálogo para que nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda exista unha solución integral para un transporte que dea un bo servizo a ferroláns e ferrolás”. Nese senso, Antón Sánchez anima ao executivo autonómico a apostar por un cambio de rumbo e estratexia e a deixar de recortar servizos, en detrimento das necesidades de mobilidade da cidadanía. Así como a axilizar o proxecto da intermodal e a dotalo economicamente para poder contratadlo canto antes.
En Marea tamén solicita un incremento dos recursos que a Xunta destinará a vivenda social o vindeiro ano. Concretamente, a formación quere que o goberno galego inclúa no seu orzamento fondos para que se reformen as vivendas do polígono de San Pablo e se rehabiliten as do Casco Vello; e para que se constrúa no de Bertón vivenda para aluguer a prezos asequibles. Explícao Antón Sánchez, que denuncia o “desleixo absoluto da Xunta” en relación ao estado de edificios propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Residencia de maiores, centro de día e saneamento
“Outro dos aspectos que a Xunta de Galicia ten abandonado dende a chegada de Feijóo ao goberno é a dotación de servizos sociais para atención á terceira idade”. Por iso En Marea solicitará que se habilite unha partida para a creación dunha residencia de maiores en Goián e dun centro de día en Serantes.
En Marea pon o foco tamén na necesidade de que a Xunta acometa canto antes mellora na rede de saneamento ferrolá, con especial atención á zona rural e ao río Sardiña. Un asunto que “precisa tamén dun forte investimento, e que repercutirá nunha Ría de Ferrol menos contaminada e con posibilidades de desenvolver unha actividade marisqueira máis potente”.
En Marea insta á Xunta a comprometerse co mantemento dos centros educativos, sanitarios e deportivos construídos por ela no municipio ferrolán. Unhas infraestruturas que o goberno autonómico “está deixando deteriorar por non asumir ese compromiso económico, nunha actitude insolidaria co goberno local, que é quen dá a cara ante a veciñanza. Non poden cargar ao Concello con todo o peso económico que supoñen as necesidades desas dotacións”, indica Antón Sánchez.
Por último, En Marea instará á xunta de Galicia a incorporar nas sas contas para o ano que ven aportacións orzamentarias para o Centro Comarcal Contraincendios.