Estás aquí: Inicio » En Marea insta á Xunta a actuar para rematar cos incumprimentos da fundación que xestiona o centro de menores de Monteledo
En Marea denuncia os incumprimentos en materia de persoal nos que está a incorrer a fundación que xestiona o centro de reeducación de menores de Monteledo e insta á Xunta de Galicia a tomar cartas no asunto para rematar con esta fraude e garantir a axeitada calidade educativa. A deputada Paula Vázquez Verao levará ao Parlamento unha situación inaceptable derivada da non cobertura das vacacións, que sitúa as cifras de persoal por debaixo das fixadas no convenio.
“Non é tolerable que unha fundación aforre non contratando persoal cando recibe cartos públicos precisamente para iso”. Son palabras da deputada de En Marea, que reclama da Xunta “que esixa o cumprimento do convenio e que impulse unha inspección e unha auditoría económica no centro de Monteledo”. E é que, ademais de incumprir as cifras acordadas en relación ao número de profesionais que traballan nesas instalacións, desde que estas están a ser xestionado pola Fundación Diagrama aumentaron as baixas laborais e os expedientes de faltas incoados a menores internos. “Hai, polo tanto, unha evidente merma da calidade educativa, e a Xunta é a responsable última” da situación, indica Vázquez Verao.
A Fundación Diagrama fíxose coa adxudicación da xestión do centro de reeducación de Monteledo, entre outras cuestións, por ofertar dous educadores a maiores dos 32 que se esixían na convocatoria. “Pero a realidade é que ao non substituír as vacacións non hai 34 profesionais, senón 5,9 menos” dos que debería. Unha situación que sen dúbida pode considerarse unha fraude.
“A Fundación non está a cumprir cos seus compromisos nunha área tan sensible como a intervención educativa con menores que cometeran infraccións. A administración ten, polo tanto, a obriga de esixir o cumprimento deste convenio”, apunta a deputada de En Marea, que insta ao goberno do Partido Popular a actuar ante a evidencia de que “non se están a dar as condicións de calidade dun servizo tan fundamental”, e que debe ser prestado pola Comunidade Autónoma. Nesa liña, Vázquez Verao reclama que a Xunta de Galicia aposte pola xestión directa e pase a facerse cargo do servizo para velar pola súa calidade e evitar novos incumprimentos.
O convenio subscrito pola Xunta de Galicia coa Fundación Diagrama para a xestión do centro de Monteledo supera os catro millóns de euros públicos. Nel establecíase que en todo momento se substituiría calquera vacante do persoal que pudiera producirse. Sen embargo, a entidade que xestiona esas instalacións dende 2016 está a obviar eses compromisos ao non substituír as vacacións; “co cal aumenta tremendamente a carga de traballo ata niveis que impiden facer unha boa labor educativa”, denuncia a deputada de En Marea. Que asegura que “mesmo se ten dado o caso de que se ten persoal por debaixo dos servizos mínimos establecidos pola administración para as folgas”.