Estás aquí: Inicio » En Marea insta á Xunta a actuar para esixir ao goberno central que condone a débeda do porto da Coruña con Portos do Estado
En Marea insta á Xunta de Galicia a tomar partido e involucrarse para reclamar ao goberno central a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña derivada da construcción do Porto Exterior de Punta Langosteira. A formación levará este asunto ao Parlamento de Galicia; pois ve necesario actuar para que o executivo de Pedro Sánchez revirta o agravio comparativo que ven de cometer contra a Comunidade galega, coa condonación a Valencia de 350 millóns de euros de débeda do Consorcio Valencia 2007.
En Marea denuncia que a única solución que se está propoñendo para a débeda do porto coruñés pase pola venda da súa fachada marítima, obrigándoa a perder patrimonio mentres que, noutros puntos do estado, o goberno do PSOE segue un criterio ben distinto ao deixar sen efecto a débeda en circunstancias similares.
A condonación a Consorcio Valencia duns 350 millóns de euros de débeda, derivados da organización da Copa América, da Fórmula 1 e de instalacións para deportes náuticos, senta un precedente que Galiza non pode desaproveitar. Por iso En Marea pídelle á Xunta que traballe polo interese da cidadanía, para que demande do goberno do Estado unha solución á débeda da Autoridade portuaria que non pase por hipotecar a fachada portuaria da Coruña.
Nesa liña, Antón Sánchez lembra que o contido do protocolo asinado en abril entre a Xunta, Fomento e a APAC, de costas ao Concello da Coruña, “ non garante o respeto á vontade maioritaria de eliminar os intereses especulativos e inmobiliarios da definición e xestión dos terreos. Pola contra, ese acordo mantén a aposta polos convenios do pelotazo de 2004 trasladada ao PXOM, onde se propoñían actuacións de urbanización para San Diego de miles de vivendas de ata 9 alturas, co pretexto de financiar o custe da construcción do Porto Exterior ou a débeda da Autoridade Portuaria”.
“Non hai desculpa posible nin tampouco supostas cuestións legais para que sexa condonado o préstamo de 200 millóns, ao igual que acordou o goberno para o Consorcio portuario de Valencia. Se pode persoarse unha débeda xerada para a Copa de mundo de vela ou un circuito de Fórmula 1, con moita mais razón cando se trata dunha obra pública de interese xeral, como o porto da Coruña”, declarou Antón Sánchez.
En Marea entende que, co recente precedente que ven de marcar o goberno central coa actuación seguida no porto de Valencia, Galiza non pode deixar pasar a oportunidade de presentar unha resposta contundente e esixir un trato homólogo para a cidade da Coruña. Así as cousas, A. Sánchez tentará obter o apoio dos grupos da Cámara para que a Xunta de Galicia se sume a esta reclamación e impulse as xestións oportunas para deixar sin efecto o Protocolo asinado entre a administración autonómica, o Ministerio de Fomento, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria de A Coruña, de data 18 de abril de 2018; e, en todo caso, a non asinar o Convenio que se anexa ao mencionado Protocolo. A formación tentará conseguir ademais o respaldo do Parlamento para pedir que o executivo de Núñez Feijóo se sume á proposta do Concello da Coruña, que aposta por crear un Consorcio para a xestión dos terreos do que tamén formen parte Ministerio e Autoridade Portuaria.
Tal e como explica o vicevoceiro da formación, Antón Sánchez, a desafectación dos peiraos de Calvo Sotelo-Batería e San Diego supón unha oportunidade para a reordenación territorial e urbanística da fachada marítima da Coruña. Un entorno que En Marea, ao igual que o Concello da Coruña, aposta por destinar a usos públicos como equipamentos dotacionais, espazos libres e zonas verdes. En cambio a enaxenación privada dos terreos da fachada marítima coruñesa é a única solución que os gobernos central e autonómico e a Autoridade Portuaria da cidade teñen posto sobre a mesa para solucionar a elevada débeda e a carga financieira que soporta o porto. Situación económico-financeira que se verá agravada a partir do 2021, cando a Autoridade Portuaria, de non condonarse a débeda, comezase a amortizar o préstamo de 200 millóns de euros outurgado por Portos do estado para o financiamento do porto exterior e outras actuacións.