Estás aquí: Inicio » En Marea insta a solucionar os verquidos e emisións de gases da depuradora de aguas de Ribeira
En Marea insta á Xunta de Galicia a dar explicacións e a facer o necesario para solventar as reiteradas deficiencias que a veciñanza de Ribeira ven denunciando en relación co funcionamento da depuradora de augas desa localidade. A formación faise eco dunha grave situación que ten provocado alarma entre a poboación local; que vincula os verquidos e emisións de gases procedentes desa infraestrutura con algúns dos problemas de saúde que están a rexistrarse na zona. Así as cousas, En Marea insta a analizar polo miúdo a situación e establecer as responsabilidades que poidan derivarse dunha deficiente execución das obras da estación de procesado de aguas residuais.
En 2014 comenzaron as obras da depuradora de aguas de Ribeira, cofinanciada a través de Augas de Galicia e ACUAES e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Porén, dende a posta en marcha da infraestructura a veciñanza da zona na que se instalaron as estacións de bombeo e as conducións veñen denunciando verquidos incontrolados, deficiencias de funcionamento e malos cheiros provocados pola xeración de ácido sulfhídrico, insoportables por momentos. Pero a problemática vinculada a estas instalacións non queda aí, pois a veciñanza alerta tamén do incremento de problemas de saúde como afección respiratorias, reacción alérxicas, mareos, náuseas e vómitos que distintos partes médicos relacionan directamente cos gases emanados da estación.
Por outra banda, na zona de Aguiño existe un aliviadoiro que verque directamente e con moita asiduidade (a veciñanza constata frecuencias superiores ás dez veces ao día en xornadas nas que nen sequera chove) ao río Listres. Un regato que tras unha actuación realizada por Costas quedou privado da súa saída ao mar durante boa parte do ano; provocando o repetido anegamento dos terreos aledaños con aguas residuais sen tratar. Nese senso, e máis aló da alerta sanitaria e ambiental xa comentada, a veciñanza amósase tamén preocupada pola perda de valor que o deterioro da imaxe dese entorno pode provocar nas súas propiedades; pois, nun lugar de elevado valor paisaxístico e ambiental como é este, os problemas xerados pola nova infraestrutura teñen unha importante incidencia.
A poboación local alerta ademais da falta de transparencia relativa a esta problemática; pois, segundo aseguran, ata o de agora tenlles resultado imposible ter acceso á información relativa ás obras realizadas fronte ás súas casas, así como aos informes de medición de gases. Unha actitude das institución que está a xerar unha situación de desamparo e indefensión.
Así as cousas, En Marea insta á Xunta de Galicia a explicar as actuacións que están a impulsarse para solucionar esta problemática; e a actuar tamén para dirimir as necesarias responsabilidades. A formación quere saber quen asumirá o custo das actuacións necesarias para solventar as deficiencias dunha actuación recente e de nova construción que foi financiada con diñeiro público. E tamén pide explicacións sobre as repercusión que esas mesmas deficiencias terán para a empresa responsable da obra. Por último, solicita a sinalización axeitada dos aliviadoiros existentes; de xeito que a cidadanía en xeral e os bañistas en particular poidan coñecer as zonas susceptibles de verquidos en tanto non se solventen os problemas.