Estás aquí: Inicio » En Marea insta a iniciar un estudo de colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa para detectar as eivas e estudar as solucións necesarias
A deputada de En Marea, Julia Torregrosa, defendeu unha proposición non de Lei no Parlamento de Galicia na que se insta a iniciar un estudo en colaboración con Concello de Vilagarcía de Arousa para detectar as eivas da depuradora e detectar e estudar as solucións necesarias. Así mesmo, fan un chamamento a estudar a ampliación da depuradora incluíndo un sector de tratamento terciario, e incluír no orzamento do próximo ano unha partida suficiente para ampliar e mellorar a depuradora, dando solución aos problemas ocasionados pola súa falta de capacidade e engadindo un sector de tratamento terciario.
A deputada Julia Torregrosa lembrou que a cidadanía leva anos agardando a ampliación da depuradora local, prometida no Horizonte 2016-2021 pero da que aínda non hai previsión feita nin orzamento concedido. O pasado luns 18 de xuño a depuradora volveu dar problemas, xerando un vertido insalubre e altamente molesto para a poboación local. Un fallo na planta de pre-tratamento obrigou a baleirar o contido na depuradora, que non tendo capacidade suficiente, ocasionou o vertido na ría.
A ampliación da depuradora vense solicitando dende hai anos como salientaron desde o grupo parlamentario de En Marea, e a operación foi estimada en 2.000.000 na anterior lexislatura, pero non é a única demanda existente arredor da mesma. “É fundamental dotar a depuradora de Vilagarcía dun sistema de tratamento terciario que permita o uso de gran parte da auga que alí chega” asegurou Torregrosa.
“As rías galegas non son só un espazo de biodiversidade que temos a obriga de coidar, senón unha fonte de recursos valiosísima da que dependen en gran medida moitas das poboacións costeiras galegas. Garantir a salubridade das rías é un compromiso non só ecolóxico ou sanitario senón económico para ca cidadanía galega” subliñou a deputada de En Marea.