Estás aquí: Inicio » En Marea insta á Anticorrupción a investigar os negocios do monarca emérito
Consideramos moi grave a situación que vive a monarquía española tralo coñecemento de que o rei emérito mantiña fondos de procedencia irregular e de que o actual monarca español é o seu principal herdeiro. Pedimos a Anticorrupción que abra unha investigación sobre os negocios de Juan Carlos de Borbón para determinar a procedencia e legalidade deses fondos e, por extensión, que se investiguen os ingresos obtidos, a situación deses cartos e tamén se o monarca emérito incorreu en delitos de corrupción ou delitos fiscais. Por outra parte, dende En Marea consideramos comprometido o papel do actual monarca, Felipe VI, posto que o código civil español non permite a renuncia ás herdanzas ata que se confirme o pasamento de quen as concede, tal como se recolle no artigo 991 (“ninguén poderá aceptar nin repudiar sen estar certo da morte da persoa a quen haxa de herdar e do seu dereito á herdanza”).
Para nós é claro que Felipe VI non poderá renunciar á parte que se denomina léxitima da súa herdanza, posto que o artigo 816 do mesmo código explica que “Toda renuncia ou transacción sobre a lexítima futura entre o que a debe e os seus herdeiros forzosos é nula, e estes poderán reclamar cando faleza aquel”. Tido en conta o articulado do código civil, En Marea consideramos que as recentes decisións de Felipe VI teñen a intención de escenificar unha ruptura que, de facto, non é posible. Por este motivo, consideramos que é necesario tomar medidas máis contundentes e, sobre todo, exemplarizantes para que a escenificación dun cortalumes non impida coñecer condutas fraudulentas de quen foi a máxima autoridade do Estado, saber en que momento se produciron e, sobre todo, finalizar cunha situación legal de impunidade que permite que quen comete un delito quede sen castigo.
Instamos á Fiscalía anticorrupción que investigue todos os posible delitos cometidos polo monarca emérito, de maneira que se poida saber a importancia, volume económico, estamentos implicados, datas de realización e demais accións que permitan que haxa fondos en paraísos fiscais a nome do rei emérito e que teñen como primeiro herdeiro ao actual xefe do Estado español. É necesario, no mesmo sentido, que o montante de fondos fraudulantos que se poidan encontrar nesa investigación sexa recuperado para as arcas públicas.
En Marea consideramos tamén que é necesario que remate dunha vez a situación de impunidade do monarca emérito que, como todo sinala, serviu de cobertura para as accións que se deben investigar. Permitir que Juan Carlos de Borbón perda a súa condición de privilexiado fronte á Xustiza será unha demostración de desexo de transparencia por parte das institucións máis decisiva que unha imposible renuncia á herdanza.