Estás aquí: Inicio » En Marea inicia a campaña para impulsar unha Galicia de oportunidades nun estado que amplíe dereitos
En Marea iniciou oficialmente a campaña electoral este venres, con coladas de carteis simultáneas en Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. No casco antigo da capital galega estivo o voceiro, acompañado de Ana Seijas, Mariló Candedo, Alba Nogueira, Adrián Dios e outras candidatas pola provincia da Coruña para as eleccións do 28 de abril. Quedou así oficialmente inaugurada unha campaña electoral na que a formación traballará para sacar adiante o seu proxecto para impulsar unha axenda propia para unha Galicia de oportunidades; e participar da conformación dunha maioría democrática que amplíe dereitos no conxunto do estado.
Sumar para todas pero sen restar para ninguén. Esas serán as claves do proxecto político que En Marea aspira a levar ao Congreso e ao Senado a partir do vindeiro 28 de abril. Unha proposta programática baseada en 299 medidas urxentes para Galicia, coas que a formación quere mellorar a calidade de vida de todas as galegas e galegos, favorecendo a cohesión territorial e garantindo unha mellor calidade de vida no conxunto do territorio.
O voceiro de En Marea volveu reivindicar a intención da formación de conseguir a derrogación da Lei Mordaza e das reformas laborais “que nos condenan á precariedade e á incerteza. Pero precisamos garantir tamén uns orzamentos xustos para o noso país”, indica Villares, que avoga por “tecer alianzas de progreso” no ámbito estatal, pero sen conceder “cheques en branco”. “Con En Marea haberá investidura para unha maioria que non deixe ninguén atrás. Pero o noso é un contrato coa cidadanía de Galicia, un contrato social para non deixar a ninguén atrás, para ampliar dereitos e fomentar investimentos que posibiliten o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, a cohesión territorial e as oportunidades para que os que marcharon poidan volver e os que aínda non naceron poidan facelo. Ese é o noso contrato social”.
Luís Villares volveu reivindicar o vínculo do proxecto de En Marea coas demandas cidadás e co espírito do 8m e do 15m, e comprometeuse a traballar para impulsar unha economía verde e favorecer un desenvolvemento respetuoso cos recursos naturais e a protección ambiental. “Non renunciamos a que todo o mundo teña unha posibilidade de vivir mellor. Pero non haberá revolución sen igualdade. Non podemos vivir de costas á metade do planeta”, indica o voceiro.
Luís Villares puxo en valor a coherencia do proxecto de En Marea. “Ese é o noso maior aval para estas eleccións xerais. Por iso vos pedimos, galegas e galegos, a vosa confianza. Temos palabra, e imos cumprir cun proxecto xusto que convirta a Galicia nun espazo de convivencia e oportunidades. Un país do que sentirnos orgullosas”.
A falta de oportunidades para a mocidade, a loita das mulleres e a necesidade de impulsar o tecido industrial e conseguir investimentos que permitan o desenvolvemento de Galicia tamén estiveron presentes no acto de inicio de campaña de En Marea. A cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Ana Seijas comprometeu toda súa ilusión e traballo para “levar a Madrid a voz das galegas e galegos, e defender unha Galicia competitiva, solidaria e cooperativa. En Marea di non a deixar atrás á xente e o seu potencial. Reivindicamos a igualdade nunhas eleccións que son cruciais para recuperar dereitos democráticos e conseguir que Galicia sexa tida en conta como merece”, indica a candidata coruñesa. Que puxo en valor unha candidatura integrada fundamentalmente por mulleres, e que se esforzará por impulsar as demandas do feminismo.