Estás aquí: Inicio » En Marea inicia a campaña comprometida coa xustiza social e coa necesidade de situar ás persoas no centro das políticas municipais e europeas
En Marea iniciou en Lugo a campaña electoral para as próximas eleccións municipais e europeas. Nun acto no que participaron o voceiro, Luís Villares, a candidata de En Marea-Compromiso por Europa, Lidia Senra, e o candidato á alcaldía de Lugonovo, Xosé Chorén, a formación reivindicou a necesidade dun novo modelo político que priorice as necesidades e o benestar da cidadanía e impulse a xustiza social, tanto nos Concellos como nas institucións europeas.
En Marea encara a próxima dobre cita electoral con ilusión e forza, convencida da capacidade das mareas locais para impulsar o cambio cara a un modelo político que poña o foco nas persoas. E comprometida coa necesidade de que Galicia continúe contando con voz propia en Europa.
“A nosa voz nos Concellos” e “A nosa voz en Europa” serán os lemas da formación para uns comicios para os que En Marea pon o foco nas políticas sociais, na desmercantilización de servizos e na necesidade de garantir dereitos e calidade de vida para o conxunto da cidadanía.
“O próximo día 26 Galicia xógase moito. Nós cremos que dereitos como as pensións, a sanidade ou a auga deben estar desmercantilizados. Non podemos permitir que se faga negocio co que é de todas, e que se detraia do público en aspectos básicos que deben ser dereitos garantidos”. Así falaba o voceiro, Luís Villares, que reivindicou a necesidade de frear a privatización de servizos públicos, así como “a corrupción, as portas xiratorias e o favorecemento de empresas amigas”.
O feminismo, o ecoloxismo e a xustiza social serán os valores que rixan a campaña electoral de En Marea, tanto no que atinxe ás diferentes Mareas municipais como no que respecta á coalición a través da que a formación concorre aos comicios europeos. “Apostamos por políticas que non deixen a ninguén atrás. Por institucións abertas e democráticas, en contacto coa cidadanía. Non podemos consentir que se tomen decisións de costas a todas e todos vós. Como aconteceu cando unha troika conformada por institucións sen aval democrático condicionou a reforma do artigo 135 que afectou a todo o estado de benestar, á protección social, e deu lugar ao pago dunha débeda da que non era responsable a cidadanía”, reivindica Villares.
Fronte a iso, En Marea aposta por un modelo de xestión democrático e cidadanista. Por uns municipios e unha Europa que garantan “un modelo de país sustentable e baseado na transparencia, na rexeneración democrática e na xustiza social, atendendo á situación de emerxencia social que outras forzas políticas non teñen escoitado. A aposta de En Marea para as próximas eleccións é polo público, pola remunicipalización de servizos e a desmercantilización de bens públicos. Sabemos que outras forzas apostan pola privatizacón, e aí atoparanse de fronte con En Marea”, destaca o voceiro. Que pon o foco na necesidade de “mellorar a calidade de vida das persoas e o compromiso coa creación de espazos públicos amables, cun transporte sustentable e coa tan importante transición ecolóxica. Esa é a nosa aposta, esta é a nosa forza”.
Na mesma liña se manifestou a candidata Lidia Senra, que lembrou que a UE “conta con recursos suficientes para erradicar a pobreza, para que ningunha persoa viva sen un teito ou sen poder alimentarse correctamente. Nós defendemos o reparto da riqueza, demandamos unha renda básica universal a nivel europeo, salarios, prezos agrícolas e pensións públicas dignas”, reivindica a candidata. Que lembra a importancia decisiva que as decisións que se toman en Europa teñen para o futuro do sector agrícola e pesqueiro en Galicia. “Arredor do 80% das decisións políticas que afectan á nosa vida diaria, á vida dos galegos e galegas, tómanse na UE, a través de políticas como a PAC (Política Agrícola Común) ou a PPC (Política Pesqueira Común), que notan ben os agricultores e agricultoras e a pesca artesanal cando chegan os recortes das cotas pesqueiras, por exemplo.
Por iso, debemos reflexionar, facer unha chamada ás persoas para que o 26m depositen o seu voto non só nas eleccións muncipais, senón tamén nas eleccións europeas”, destaca Senra.
Tamén Xosé Chorén, candidato de Lugonovo á alcaldía de Lugo, chamou a actuar “con valentía” para mudar as cousas e mellorar a vida das persoas. “Fagamos bandeira da xustiza social” reclamou, chamando polo “orgullo” de desenvolver e pertencer a sociedades “que aposten pola atención social, polo emprego e pola democratización de todas as institucións”. Chorén chamou a pensar “nunha Europa mellor” dende o local, dende lugares como Lugo “onde a veciñanza pode escoller agora entre as fórmulas de sempre ou unha política orientada ao benestar da ampla maioría”. “Pensemos localmente, e localmente asentemos as bases dun cambio profundo en Europa” rematou.