Estás aquí: Inicio » En Marea garante unha solución áxil e transparente para renovar os órganos de dirección con plenas garantías, trala orde de suspensión das eleccións internas por parte da Comisión de Garantías
En Marea comprende a sensación de inquietude causada entre a cidadanía galega, especialmente entre as persoas simpatizantes co noso proxecto político, a consecuencia das incidencias que están tendo lugar durante o proceso electoral en curso, e garante atopar unha solución áxil e transparente para renovar os seus órganos de dirección con plenas garantías.
Ante a imposibilidade material de realizar a votación, a consecuencia do acatamento da orden de suspensión da Comisión de Garantías, como organización estamos a realizar as xestións que dependen da nosa propia autoridade para restaurar coa maior brevidade a regularidade censal.
Neste sentido, e dado que foi constatada unha fenda de seguridade na custodia do censo que contén todos os datos persoais das inscritas, o que podería provocar unha manipulación dos resultados das votacións e un acceso non consentido a datos especialmente sensibles por revelar inscrición nun partido político, realizamos dúas actuacións:
a. tal como obriga a lei, comunicamos a situación á Axencia Española de Protección de datos, para que esta institución adopte as accións legais que no seu caso resulten procedentes contra as persoas responsables, sen prexuízo de reservarnos as que como organización nos podan corresponder directamente nas vías civil ou penal;
b. acordamos a realización dunha dobre auditoría, interna e externa, que permita coñecer e reparar os fallos de seguridade da base de datos censal, que estará completada ao longo da semana que vén. Esta restauración da regularidade censal permitirá reanudar o proceso electoral.
Por outra parte, dende En Marea propoñemos ás dúas candidaturas a dialogar para solucionar de común acordo o resto de defectos do proceso de votación apuntados pola propia Comisión de Garantías, unha vez que non foron contraditos nin rebatidos polo Comité electoral en ningunha das súas resolucións. Entendemos que esa procura de solucións debería conter unha proposta de data de votación no horizonte temporal máis próximo posible.
Finalmente, e dirixíndonos especialmente ás inscritas, queremos transmitirvos todo o noso cariño e alento ante esta situación, e comprometémonos a mantervos informadas das decisións que continuemos tomando para garantir a plenitude dos vosos dereitos de participación política, así como a protección dos vosos datos de carácter persoal.