Estás aquí: Inicio » En Marea garante a defensa da Coruña e das súas políticas locais nas institucións do estado
“En Marea é a garantía de que as políticas municipais e as reivindicacións da Coruña sexan tidas en conta nas institucións do estado”. Son palabras de Luís Villares, que este mércores se comprometeu nun mitin celebrado na Coruña a abandeirar as necesidades pententes da cidade e a facer que o municipalismo sexa escoitado en Madrid.
“En Marea é a garantía para que as políticas da Marea Atlántica cheguen ao Congreso dos Deputados”, asevera Villares, que compromete os esforzos da formación na defensa de tarefas pendentes e cruciais para A Coruña, como a rexeneración a Ría do Burgo ou a defensa da fachada marítima da cidade.
Logo de meses reivindicando dende o Parlamento Galego o proxecto municipal para unha fachada marítima aberta á cidadanía e na que os usos públicos primen sobre o interese privado, En Marea comprométese a continuar impulsando esa mesma reivindicación despois do 28A en Madrid. Luís Villares lembrou o agravio comparativo que supuxo a condonación, algúns meses atrás, da débeda ao porto de Valencia. E reclamou un trato análogo para a Autoridade Portuaria da Coruña. E destacou a urxencia de conseguir orzamento para que a conexión ferroviaria do porto exterior de Punta Langosteira sexa unha realidade o antes posible.
Tamén a cabeza de lista pola Coruña ao Congreso, Ana Seijas, puxo o foco na importancia do municipalismo e a permeabilidade que caracteriza o modelo político de En Marea. Ana Seijas, que tamén é responsable de municipalismo da formación, reivindicou as súas orixes políticas vinculadas ao movimiento cidadanista da man de Amesnovo. Un colectitivo xurdido de xeito parello á Marea Atlántica.
A candidata reivindicou os valores compartidos entre En Marea, “o 15m e as loitas sociais xurdidas nas rúas nos últimos anos: o movemento en defensa das pensións, o 8m, a defensa dunha sanidade pública e a loita ambiental e contra o cambio climático que supón o novo 15m protagonizado pola xente máis nova”.
Pola súa banda, a candidata ao Senado pola Coruña, Mariló Candedo, destacou a vital importancia de que Galicia conte cunha voz forte e soberana nas institucións do estado. “Temos que ter voz propia e soberana para sermos produtivos na construcción doutro modelo territorial do estado, dialogando con outras forzas para chegar a acordos en pé de igualdade”, reivindicou.
Candedo incidiu na necesidade de recuperar dereitos e avanzar na senda da xustiza social mediante uns orzamentos que inclina financiamento suficiente para pensións, prestacións sociais e dependencia. “Ese é o espazo de En Marea, e aí reside a nosa forza e funcionalidade: para ayudar na conformación de mayorías de progreso e de xustiza social que impidan a continuidade e a radicalización das políticas conservadoras e recentralizadoras”, afirmou.
A candidata ao Senado tamén fixo fincapé na aposta de En Marea por mellorar a educación pública, “un dereito fundamental que debe estar garantido por un financiamento suficiente do 7% do PIB”. Candedo reivindicou a necesidade de incrementar as bolsas e suprimir a suba das taxas universitarias “co horizonte da consecución dun acceso gratuito ao ensino universitario”. E reclamou unha nova lei educativa que substitua á LOMCE e que “estabeleça un marco de maior participación democrática para unha maior autonomía dos centros”. Así como educación infantil de 0 a 3 anos “pública, universal e gratuíta”.
O candidato coruñés Francisco Casal apelou á confianza da cidadanía e destacou a súa principal motivación á hora de implicarse na política: a loita contra a precariedade que afecta á mocidade. “No ano 80 eu gañaba máis cartos que meu fillo agora”, destacou.
O candidato reivindicou a necesidade de rematar coa pobreza enerxética e coa estafa eléctrica que cada mes padecen as familias a través do recibo da luz. Unha situación que afecta tamén ás empresas e que lastra as posibilidades de desenvolvemento industrial e o futuro de factorías electrointensivas como Alcoaou Ferroatlántica. Ademais, reivindicou a necesidade de impulsar os portos galegos e conectalos cos mercados internacionais. E reivindicou unha modificación do sector eléctrico que permita rematar tamén co expolio que padecen os propietarios de montes nos que hai instalados eólicos: “é necesario que perciban ingresos proporcionais aos das empresas”, asseverou.