Estás aquí: Inicio » En Marea fai un chamamento a participar nas mobilizacións feministas polo 8M
Recoñecendo o éxito da manifestación unitaria do pasado domingo 1 de marzo en Verín, En Marea chama á cidadanía a mobilizarse de novo este 8 de marzo co obxectivo de mudar o sistema, de derrubar o patriarcado e de visibilizar que sen coidados non hai vida.
Desta volta os coidados póñense no centro das reivindicacións do 8M, ao entender o traballo dos coidados, xa sexan coidados no fogar, coidado do territorio ou coidado do medio ambiente, como centro e motor da vida.
É unha obriga de toda a sociedade dar visibilidade ao que a cotío está invisibilizado: cómpre darlle valor aos coidados: o coidado do fogar, da familia, das crianzas, dos maiores, da terra, do medio ambiente.. é un traballo que fan maioritariamente as mulleres, traballo infravalorado e non remunerado en xeral ou en condicións de precariedade, que nos últimos anos funciona como amortiguador dos efectos devastadores da crise no benestar das persoas.
Os coidados débense exercer cando así se decida e en favor de políticas públicas de coidado que permitan a súa redistribución, ampliando as posibilidades das persoas de elixir o modo de organizar socialmente o coidado e atendendo á realidade das galegas, pois moitas viven en entornos rurais, cada vez mais envellecidos, con malas conexións cara as cidades e vilas, que é onde se centralizan os servizos sociais e de atención á saúde.
Baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado” denúnciase tamén a dominación e a destrución da natureza por parte do capitalismo e o patriarcado, apostando por recuperar toda esa rede de produción, distribución e consumo ecolóxico, solidario e responsable que durante séculos impulsaron as mulleres no rural galego, combatendo o espolio do noso territorio, dos nosos bens naturais. As labregas contribúen a fixar poboación nas aldeas de todo o territorio. Elas son as mais invisibles dentro das invisibles, por iso tamén compre reivindicar que as políticas agrarias non representan ás labregas galegas, cómpre demandar servizos de calidade e que sexan operativos para poder seguir facendo vida no rural.
Aquelas mulleres que queiran facer folga laboral estarán amparadas pola convocatoria do SLG, CNT e CUT. Dende En Marea tamén emprazamos a aquelas que non poidan saír ás rúas a colocar un mandil ou algo que represente ao movemento feminista nas fiestras e balcóns, para visibilizar que neses fogares hai unha muller exercendo os coidados.
Durante estes anos En Marea, sabedora da emerxencia feminista que vive o noso país, presentamos numerosas iniciativas no Parlamento de Galicia relacionadas co incremento de persoal nos Centros de Información ás Mulleres, coa mellora das condicións das mulleres no rural, coa violencia no deporte, coa non discriminación da maternidade no ámbito da investigación científica, coa rebaixa no Ive ao produtos de hixiene feminina, coas carencias na sanidade consecuencia das políticas do goberno de Feijoo, que afectaban directamente ás mulleres, como foi o caso da supresión do paritorio e as urxencias pediátricas no hospital de Verín…