Estás aquí: Inicio » En Marea esixirá á Xunta que cumpra a lei e repoña o mestre que amortizaron no CEIP As Mirandas de Ares
O grupo de En Marea anunciou o rexistro de diversas iniciativas no Parlamento de Galicia para esixir á Consellería de Educación que repoña a praza de mestre de educación infantil despois da xubilación dunha das mestras o ano pasado no CEIP As Mirandas de Ares. A deputada Luca Chao, o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, e o concelleiro de Son de Ares, Gustavo Pita, mantiveron unha xuntanza coa directiva do centro para falar da situación actual e o incumprimento que está a facer a propia Xunta de Galicia da normativa aprobada polo Goberno galego. “O que estamos a pedir non é outra cousa que a lo menos cumpran coas normas aprobadas por eles mesmos” salientou Luca Chao. “Comprobamos unha vez máis como os recortes en educación impostos polo PP non son unha excepción senón a norma por parte da Consellería” denunciou a deputada de En Marea.
No caso concreto do colexio de Ares, a Consellería amortizou unha das prazas en educación infantil o que agrava aínda máis a situación ao se tratar dos nenos e nenas máis pequenos. A isto súmase o feito de que o centro aumentou en 15 o número de alumnos e alumnas nesta etapa pasando de 79 a 94 nos primeiros cursos de infantil. Na xuntanza lembrouse que o decreto da Xunta mantén a obriga de contar cun mestre por aula e un de apoio por cada 3 aulas de infantil, polo tanto neste centro con 6 aulas de infantil debería contar con 7 mestres e 2 de apoio algo que non acontece na actualidade.
Desde o centro criticaron tamén o silencio por parte da Consellería que pese a ter enviado diversos escritos preguntando polo tema, a día de hoxe non obtiveron resposta algunha. Por todo isto, o grupo de En Marea preguntará a Consellería os motivos polos que non se está a cumprir a normativa neste centro ao tempo de reclamar que se cubra esta praza de educación infantil.